MOBILIDADE

A Alameda acolle unha exposición de vehículos eléctricos no marco da Semana da Mobilidade

26/09/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, visitou a exposición de vehículos eléctricos que organizaron as empresas da cidade Caeiro, Yáñez, Compostela Concesionario e Vectia no marco da Semana da Mobiidade. A mostra está aberta hoxe martes na Alameda de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Jorge Duarte lembrou que o Concello vai incorporar vehículos eléctricos á súa flota "dentro dun compromiso para reducir emisións e frear o quecemento global". O concelleiro sinalou tamén que nas vindeiras licitacións municipais de compra de vehículos haberá unha parte reservada a vehículos eléctricos e híbridos.

Entre os departamentos nos que se contempla a introdución deste tipo de automóbiles Duarte citou o da Policía Local. Todo isto, dixo, "forma parte do proxecto por un Santiago máis sostible e con baixo consumo de combustible fósil".

Máis actividades
O programa da Semana Europea da Mobilidade continuará este mércores 27 co Día da Accesibilidade e a actividade "Ponte no meu lugar", percorrido en cadeira de rodas pola cidade ás 17:00 horas dende Carreira do Conde. O xoves 28, no Museo da Cidade (praza de Praterías) ás 20:00 horas, proxectarase o filme Intocable, cun coloquio ao final do mesmo.

O venres 29 será o Parking Day, con xadrez na rúa ás 17:00 horas na rúa de Doutor Teixeiro. Por último, o domingo 1 de outubro, haberá unha andaina pola cidade para promover a mobilidade peonil. Sairá da Alameda ás 10:30 horas e durará unhas dúas horas.

Compartir: