TURISMO

Santiago promociónase na feira turística máis importante de Xapón

21/09/2017 Turismo de Santiago participa con dous mostradores na Tourismo Expo Japan 2017, a mostra de turismo máis importante de Xapón, que se celebra ente o 21 e o 24 de setembro en Tokio. O primeiro mostrador sitúase no stand de Turespaña, no pavillón de Europa. O segundo ubícase no pavillón xaponés, no stand da prefectura de Wakayama, grazas a colaboración conxunta entre a Santiago e Tanabe. Deste xeito, Santiago pode chegar tanto ás persoas interesadas en viaxar a España como ás que buscan a espiritualidade do Camiño de Kumano.

Malia a distancia existente, o mercado xaponés é moi interesante para a cidade cando menos por tres razóns: é un mercado cun gran volume de poboación, é un mercado cun alto potencial de crecemento turístico na cidade e é un mercado cun gasto por persoa moi superior á media internacional. O obxectivo é captar a un turista cultural de alto nivel económico para poder aumentar a media de gasto por persoa na cidade.

Santiago reúne unha serie de atractivos, como a espiritualidade, a calidade dos peixes e mariscos da gastronomía galega ou o contacto coa natureza no Camiño de Santiago, que converten a cidade nun destino turístico con moito atractivo para o mercado xaponés, que precisamente busca destinos nos que se combinen natureza, patrimonio histórico e gastronomía.

Santiago ten ademais fortes vínculos co Camiño de Kumano e a cidade de Tanabe, coa que leva anos colaborando na promoción conxunta de ambos camiños de peregrinación que, malia a distancia e as diferencias culturais, teñen entre si importante puntos de unión, como a busca dun mesmo en contacto coa natureza. Precisamente grazas a esta colaboración, Santiago conta cun espazo promocional permanente no Centro de Interpretación do Camiño de Kumano en Tanabe.

A importancia do mercado xaponés para Santiago crece ano tras ano, tal como amosan a evolución do número de peregrinos nipóns. No ano 2016 alcanzouse o máximo histórico, con 1.459 e un crecemento do 22% respecto a 2015.

Compartir: