EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Valedora do Pobo arquiva os expedientes abertos ao Concello en relación ás persoas sen fogar

23/08/2017 A Valedora do Pobo vén de comunicar ao Concello a súa decisión de arquivar todos os expedientes que tiña abertos en relación á situación das persoas sen fogar en Compostela. Eses expedientes referíanse a tres escritos de queixa, que argumentaban que o comportamento destas persoas era contrario á ordenanza municipal de convivencia.

A Valedora do Pobo adopta esta decisión argumentando que coñeceu por sentenza xudicial que "os servizos sociais do Concello interviñeron na información da situación e nas medidas de apoio" en relación á única persoa sen fogar que seguía sendo obxecto das queixas recibidas. Esta persoa fora ingresada nun centro sanitario por orde xudicial, tras a mediación dos servizos sociais do Concello.

Tratamento mediático
A Concellaría de Políticas Sociais tamén ten presentado un escrito diante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en relación ao tratamento informativo que algún medios de comunicación lle deu ás persoas sen fogar e ás situación de pobreza, vulnerabilidade e exclusión social que sofren. O escrito asinado pola concelleira Concha Fernández lembraba que os representantes públicos e as institucións teñen a responsabilidade de "velar polos dereitos de todas as persoas, independentemente da súa situación de falta de recursos", e os medios de comunicación "xogan tamén un papel central no labor de concienciar á sociedade no respecto da dignidade de todas as persoas, tamén das persoas sen teito, e non afondar nun tratamento estigmatizador ou que directamente vulnere os seus dereitos fundamentais".

Ademais do Concello, tamén presentaron as súas denuncias ante o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia os colexios profesionais de Educación e Traballo Social e a Fundación RAIS.

Compartir: