TRANSPARENCIA

O Concello logra o sobresaliente no informe anual de Transparencia Internacional

08/07/2017 Transparencia Internacional vén de facer público o Índice de Transparencia en Concellos relativo a 2017, e Santiago logra recuperar posicións ata acadar unha nota de 91,9 sobre 100. Hai só tres anos, en 2014, esa nota fora de tan só 66,3.

Santiago é a segunda cidade galega no ranking de Transparencia Internacional, só por detrás de Vigo, que conseguiu unha nota de 98,8. Por detrás de Compostela están, por esta orde, Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense, que conseguiu unha nota de 71,9, xusto vinte puntos menos que a capital galega. No conxunto do Estado, Santiago ocupa o posto 66 nunha lista de 110 concellos.

Grandes esforzos nos últimos anos
Nos dous últimos anos, o Goberno compostelán vén realizando grandes esforzos para mellorar a situación na que se atopaba o Concello no relativo á transparencia. Así, aprobouse a Ordenanza de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos da administración do Concello de Santiago. O texto está baseado nunha ordenanza tipo redactada pola FEMP, pero vai máis alá nalgúns aspectos e é máis esixente no que ten que ver coas entidades que están obrigadas a publicar a información, incluíndo ás concesionarias de contratos administrativos. Tamén amplía a lista de datos que o Goberno e os grupos municipais teñen que facer públicos, a información de cargos eventuais e a relación de gastos anuais dos grupos municipais. Por último, obriga ao Concello a realizar un inventario de activos municipais.

Ademais, Santiago forma parte do proxecto Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable, xunto coa Coruña, Madrid e Zaragoza. O seu obxectivo é o desenvolvemento pleno das políticas de Goberno Aberto nas cidades participantes, baseado en avances tecnolóxicos dos datos abertos, a participación cidadá e a transparencia.

80 indicadores
O Índice de Transparencia dos Concellos é unha ferramenta para medir o nivel de transparencia dos municipios españois ante a cidadanía. Nesta edición, a sexta, avaliouse a transparencia de 110 concellos, a través dun conxunto integrado de 80 indicadores.

As seis áreas de transparencia avaliadas son: transparencia activa e información sobre a corporación municipal; páxina web e participación cidadá; transparencia económico-financeira; transparencia nas contratacións, convenios, subvencións e custos dos servizos; transparencia en materia de urbanismo, obras públifas e medio ambiente; e dereito de acceso á información. Nalgúns indicadores, como a información económica, o Concello de Santiago logra a maior nota posible, 100.

Compartir: