IGUALDADE

O Concello aumenta a contía e as liñas de acción da convocatoria de subvencións de Igualdade

03/07/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou hoxe as bases e a convocatoria de subvencións para o fomento de actividades en prol da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e de prevención e loita contra a violencia de xénero.

Marta Lois salientou que, por segundo ano consecutivo, "todas as asociacións de Santiago de Compostela que desenvolvan as súas actividades no termo municipal poden optar a estas axudas, que sempre estiveron limitadas ás asociacións de mulleres". Isto responde á necesidade de xerar políticas de xénero transversais e ao feito de que a igualdade debe ser cousa de todos e de todas.

Tres liñas de actuación
A convocatoria ten tres liñas fundamentais: a primeira, fortalecer e empoderar o movemento asociativo no ámbito dos dereitos das mulleres e LGTBI no municipio de Compostela; a segunda, fomento da igualdade entre homes e mulleres e, a terceira, para a prevención das violencias machistas no municipio de Compostela.

Dentro da primeira acción incluiríanse actividades que visibilicen a diversidade sexual ou o fortalecemento colectivo das asociacións. Dentro da segunda destacan actividades de sensibilización entre a xente moza, accións relacionadas coa saúde, de actividades que fomenten a corresponsabilidade familiar... Na última das liñas incluiríanse accións de sensibilización da violencia de xénero, sensibilización desta lacra mediante prevención, denuncia e detección de situacións de violencia, etc.

A concelleira de Igualdade explicou que o Concello destina a estas axudas unha partida de 27.500 euros, 7.500 máis que o ano anterior. Cada asociación poderá optar a un máximo de 3.000 euros, e poderá ser subvencionado o 100% da actividade. A axuda poderase solicitar para accións levadas a cabo dende o 1 de xaneiro de 2017 e o 30 de novembro, e o prazo para facelo será de 15 días naturais a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Compartir: