IGUALDADE

O Concello celebra o Día do Orgullo LGTBI con multitude de actividades

21/06/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá os actos polo día do orgullo LGTBI que se estenderán do 28 de xuño ao 8 de xullo en varios puntos da cidade. Na rolda estiveron Quique Latorre, de Ultreia, e Andrés Domínguez e Daniela Ferrández, de Amizando.

As accións foron organizadas polos colectivos LGTBI da cidade (Ultreia, Amizando e Arelas) en colaboración co Concello de Santiago. En palabras da concelleira "trátase dnha programación que se centra fundamentalmente na visibilidade e na normalización das diversidades sexuais. Por iso o lema é Compostela, cidade diversa e orgullosa da súa xente.

Manifesto institucional
As actividades comezarán o 28 de xuño ás 11.30 horas na Praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto institucional a cargo das asociacións LGTBI de Compostela. Posteriormente haberá unha "roda cubana" a cargo do grupo de danza latina do espazo de danza da USC. As reivindicacións continuarán cunha concentración a partir das 20.30 horas na Praza do 8 de marzo, onde se volverá ler o manifesto e se desplegará a bandeira dos bos desexos.

Mercadiño
A bandeira dos bos desexos será unha das creacións que as crianzas de Compostela poderán facer grazas ao mercadiño que a Asociación Amizando colocará durante toda a tarde do mércores 28 de xuño na Praza de Cervantes. Realizarase un obradoiro para a elaboración desa bandeira a partir das 16.00 horas e, posteriormente, a autora María Reimóndez asinará libros para todos e todas as interesadas.

Xa o venres terá lugar, na Biblioteca Ánxel Casal, a partir das 19.00 horas, unha palestra impartida por docentes comprometidos e comprometidas coa diversidade sexual. Participarán Carmen Fernández, decana da Facultade de Ciencias da Educación; Carlos Callón, docente no CPI Alfonso VII; Beatriz Suárez e Carme Adán, profesoras da Universidade de Vigo, e Laura Bugalho, educadora, sindicalista e transfeminista.

Carlos Callón será tamén o encargado de dirixir un roteiro pola memoria que sairá da Praza 8 de marzo e que terá lugar o sábado 1 de xullo ás 11.30 horas. A maiores temos programadas dúas exposicións de temática trans. Do 3 ao 8 de xullo o Centro Sociocultural das Fontiñas acolle a exposición Miradas trans*gresoras, unha exposición fotográfica centrada en expresións artísticas relacionada coa experiencia trans. Finalmente do 6 de xullo ao 12 de novembro, o Auditorio de Galicia acollerá a exposición Alén dos xéneros, de prácticas artísticas feministas de Galicia.

Compartir: