PLENO

Visto bo inicial á xestión da ORA e do guindastre a través de Tussa

18/05/2017 O Pleno da Corporación deulle hoxe o visto bo inicial á asunción, por parte da sociedade municipal Tussa, da xestión directa da ORA e do guindastre. A proposta do grupo de Goberno contou co respaldo do BNG, mentres que o PSOE optou pola abstención e o PP votou en contra. O acordo aprobado hoxe será sometido a exposición pública polo prazo dun mes. Ademais, establece que non se adoptará ningunha decisión definitiva sobre a xestión directa do servizo ata que se resolva o procedemento xudicial que lle afecta.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, foi o encargado de defender a proposta do Goberno ,"que chega despois de moitos meses de traballo e de elaboración de informes xurídicos, técnicos e económicos que acreditan que Tussa pode prestar directamente o servizo".

Pola súa parte, o alcalde recoñeceu que estamos "diante dun proceso que non está exento de ameazas". Martiño Noriega referiuse en concreto a tres: o recurso que a empresa Doal ten presentado reclamando que lle sexa adxudicado o contrato anulado xudicialmente a Setex; as disposicións adicionais dos Orzamentos Xerais do Estado que cuestionan os procesos de municipalización, e o proceso de liquidación coa empresa Setex. O rexedor insistiu en que o acordo de hoxe non supón "a adopción de ningunha decisión que sexa irreversible", e salientou que "ante a presenza de informes contraditorios, o Goberno aposta por aqueles que defenden mellor o interese público".

Despois da aprobación inicial de hoxe, o acordo para que Tussa xestione directamente os servizos da ORA e do guindastre será sometido a un período de exposición pública dun mes. Tanto o BNG como o PSOE anunciaron que presentarán alegacións, por entender que a memoria técnica aprobada está incompleta e non resolve algunhas dúbidas sobre a prestación do servizo a través da sociedade municipal.

Outros asuntos
O Pleno deu luz verde tamén por unanimidade a unha proposición do grupo popular relacionada co viveiro de Lamas de Abade. A proposta inclúe a redacción dun plan de ordenación de usos da finca de Lamas de Abade usada como viveiro e almacén municipal co fin de poñela en valor e abrila ao uso público. O acordo inclúe tamén a elaboración dun plan de rehabilitación con investimento conxunto do Consorcio, Deputación e Xunta de Galicia.

Finalmente, a Corporación aprobou por unanimidade a adopción das medidas contractuais, organizativas e orzamentarias necesarias para intentar reducir a lista de agarda existente no servizo de axuda no fogar e a incorporación de novos usuarios.

Intervencións no Pleno
O Pleno de hoxe arrancou coa intervención de Laura Bugalho e Enrique Latorre, en relación á moción presentada por Compostela Aberta en apoio ás persoas con diversidade sexual e do rexeitamento da transfobia. Os dous expresaron o seu rexeitamento á presenza en Santiago do autobús de Hazte Oir, "porque se burla da situación e do sufrimento de todas as persoas LGTIB".

Tamén interviu na sesión deste xoves Teresa Girón, en representación da ANPA do Centro de Educación Especial da Barcia. Fíxoo a raíz da moción de Compostela Aberta reclamando a apertura do CEGADI, o Centro Galego de Desenvolvemento Integral que a Xunta construíu en Salgueiriños. Teresa Girón lembrou que "os nenos e nenas que saen da Barcia non dispoñen doutro centro ao que ir cando rematan a súa escolarización, máis que iniciativas privadas ou con números moi limitados de prazas".

Compartir: