PLENO

Aprobada a suspensión temporal de licenzas no antigo Colexio Peleteiro e na Finca do Espiño

18/05/2017 O Pleno da Corporación municipal aprobou hoxe a suspensión temporal da concesión de licenzas en dous ámbitos emblemáticos da cidade: o vello Colexio Peleteiro e a parte privada da Finca do Espiño. Nos dous casos, a medida está relacionada coa decisión de modificar a actual ordenación urbanística que lle afecta.

O punto relativo ao vello Colexio Peleteiro foi aprobado por unanimidade, mentres que a suspensión de licenzas no ámbito da parcela privada da Finca do Espiño contou cos votos favorables de Compostela Aberta, PP e PSOE, e coa abstención do BNG.

Peleteiro
No ámbito co antigo Colexio Peleteiro o obxectivo é limitar o aproveitamento para uso comercial que está contemplado na actualidade: un máximo de 12.000 metros cadrados, do aproveitamento total de 23.500 metros cadrados. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade lembrou que "no momento no que se aproveitou a ordenación urbanística no ámbito do PERI-12, en 2003 e 2005, entendíase que o Ensanche precisaba dun centro comercial para ser revitalizado, cando na actualidade todos coincidimos en que o que precisamos é fomentar o pequeno comercio". Agora, apuntou Jorge Duarte, "tratarase de limitar o uso comercial á planta baixa, aumentando a superficie destinada a vivendas e coa condición de que un mínimo do 30% delas sexan protexidas".
Mentres se tramita esta modificación, o Pleno aprobou a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelamento, edificación e demolición no ámbito do vello Colexio Peleteiro por un prazo dun ano.

Finca do Espiño
Idéntico acordo no que ten que ver coa suspensión temporal de licenzas, polo prazo dun ano, é o que se adoptou en relación á parte privada da Finca do Espiño. O edil de Espazos Cidadáns explicou que "os técnicos da área de Urbanismo tamén estudarán neste caso as posibilidades de modificar a ordenación urbanística destes terreos, que na actualidade teñen a condición de solo urbano consolidado". Jorge Duarte insistiu na necesidade de "garantir os usos previstos no convenio, e aprobar unha nova ordenación que teña máis en conta a integración paisaxística de calquera edificación que se constrúa neste ámbito".

Aprobación do Plan de Acción para as Enerxías Sostibles
Na sesión plenaria desta tarde tamén se aprobou o Plan de Acción para as Enerxías Sostibles, PAES, co apoio de Compostela Aberta e BNG e coa abstención de PP e PSOE. O documento nace da adhesión de Santiago ao Pacto entre Alcaldes polo Clima e a Enerxía e nel faise un inventario das emisións de gases de efecto invernadoiro do Concello. Tamén se definen unha serie de accións que teñen como obxectivo reducir esas emisións nun 20,5% ata 2020, e nun 40,6% ata 2030.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que entre as medidas contempladas figuran accións relativas aos edificios domésticos, á industria e ao comercio. O edil explicou que algunhas das medidas incluídas no PAES xa foron realizadas ou están en preparación, como a licitación dun servizo de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables, ou o cambio do alumeado público a tecnoloxía LED.

Compartir: