ALCALDÍA

Os terreos para a construción da intermodal estarán dispoñibles antes de que acabe o ano

10/05/2017 O alcalde, Martiño Noriega, reuniuse esta mañá en Madrid co presidente de Adif, Juan Bravo, nunha xuntanza que tiña como obxectivo avanzar na definición do proxecto da nova estación intermodal. O rexedor cualificou de "moi satisfactorio" este encontro, ao que tamén asistiu o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte.

O alcalde explicou que a reunión serviu para "avanzar na obtención dos terreos necesarios para a primeira fase da infraestrutura, propiedade tanto de particulares como de Adif". Martiño Noriega mostrouse convencido de que este trámite estará realizado "antes de finais de ano, para iniciar a licitación neste 2017 e poder iniciar a contratación da primeira fase da intermodal".

O rexedor salientou "a boa sintonía que existe entre as distintas administracións implicadas no proxecto da intermodal" e mostrouse convencido de que iso servirá para que a actuación avance a bo ritmo.

Proxecto global
Na reunión, o presidente de Adif mostrou o seu interese en iniciar a tramitación do proxecto global da estación, incluíndo xa a segunda fase da infraestrutura. Para Martiño Noriega, "esta decisión dálle tranquilidade ao Concello e ratifica o compromiso das distintas administracións para que Santiago teña unha estación intermodal á altura das súas necesidades, máis alá de cláusulas e de número de viaxeiros".

Estación de mercadorías
Na reunión desta mañá falouse doutros temas de interese para a cidade, máis alá da estación intermodal. Un deles foi a futura estación de mercadorías da Sionlla. O alcalde asegurou que "o presidente de Adif manifestou a súa vontade de acometer esta actuación". Juan Bravo mostrou tamén a súa disposición a que os representantes do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias manteñan un encontro co tecido empresarial e con representantes municipais para abordar este proxecto, nunha próxima visita a Santiago.

Estacionamento da Pontepedriña
O alcalde aproveitou a reunión co presidente de Adif para pedirlle que se autorice a introdución dalgún tipo de cobro que garanta a rotación de vehículos no estacionamento da Pontepedriña, sen que haxa lucro para o Concello. Juan Bravo mostrouse receptivo a esa solicitude, que empezará a plasmarase nas próximas semanas.

Compartir: