MEDIO AMBIENTE

Xornada de divulgación sobre a problemática da contaminación luminosa

10/05/2017 Este sábado, 13 de maio, terá lugar no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) unha xornada de dilvulgación sobre a problemática da Contaminación Luminosa, que comezará pola mañá cun obradoiro para rapazas e rapaces maiores de 7 anos e rematará pola tarde cunha charla-coloquio na que expertos no tema nos achegarán á orixe desta problemática, ás súas consecuencias e ás posibles solucións.

Definimos "contaminación luminosa" como a alteración da escuridade natural do medio nocturno producida polas emisións artificiais de luz. A contaminación luminosa está provocada, entre outras causas, pola disipación de luz en zonas que non deben ser iluminadas, ou a horas ou momentos do ano nas que non é preciso iluminalas, ou polo uso de intensidades e espectros de luz inadecuados.

O crecemento desmedido da iluminación artificial da noite que experimentamos nas últimas décadas ten consecuencias como:

• A contaminación luminosa afecta ao medio ambiente: altera a vida mariña (pola iluminación indiscriminada das praias), dificulta ou impide os movementos migratorios das aves e provoca graves desequilibrios na fauna nocturna e crepuscular.

• Supón un sobreconsumo de combustíbeis fósiles, enerxía e recursos naturais. Gastamos moitísimo máis do que precisamos. Segundo as estimacións do proxecto Cities at night, cada ano en España gástanse 950 millóns de euros na iluminación da noite.

• A exposición á luz artificial durante a noite afecta á saúde humana, ao desaxustar o "reloxo biolóxico" e inhibir a secreción de melatonina, que desenvolve unha gran variedade de funcións no organismo.

Destes asuntos trata tamén a Exposición Temporal sobre Contaminación Luminosa, cedida pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que se poderá visitar no CIAC ata o 3 de xuño.

Obradoiro e charla
Ás 12:00 horas, celebrase un obradoiro de Pequen@s Astrónom@s: sinxelas ferramentas para descubrir o ceo nocturno, para nenas e nenos, a partir de 7 anos, acompañados dunha persoa adulta. Os/as participantes achegaranse ás dificultades para coñecer o ceo estrelado dende a cidade. Aprenderán o que se pode atopar nun ceo nocturno escuro coa axuda dun simulador e construirán algunhas sinxelas ferramentas para ir familiarizándose coas formas que fan as estrelas no ceo.

Xa pola tarde, ás 18:30 horas, haberá un coloquio sobre a contaminación luminosa. Abordarase a orixe do problema, as consecuencias económicas, medio ambientais e para a saúde humana, así como as solucións que se deberían tomar. Para isto, contarase coa participación de expertos que nos achegarán a esta problemática dende diferentes perspectivas: Salvador Bará (USC), Óscar Sánchez (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío) e Lucía Giráldez (Calidade do Ceo Nocturno); todos eles integrantes do recentemente constituído "Foro galego-portugués polo fomento do patrimonio cultural e ambiental nocturno, Calidade da noite".

As dúas actividades son de balde pero para o obradoiro as prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou desta ligazón.

Compartir: