MEDIO AMBIENTE

A veciñanza de Galeras xa ten ao seu dispor un renovado parque infantil

10/05/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, visitou esta mañá o novo parque infantil de Galeras, aberto ao público dende o pasado venres. O edil mostrouse satisfeito coa boa acollida que está a ter esta nova área de xogos, "renovada por vez primeira despois de 14 anos, grazas a un investimento de preto de 75.000 euros".

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia incidiu en que na reforma do parque se fixo unha aposta pola inclusión, "cun prego no que era obrigado incorporar elementos adaptados para nenos e nenas con diversidade funcional". Xan Duro explicou que nos próximos parques infantís que se acondicionen na cidade manterase o criterio de ter en conta aos pequenos e pequenas con problemas de mobilidade.

A nova área de xogos está presidida por un elemento en forma de barco, con dous tobogáns, trepas, paneis de xogo e compoñentes de xogo inclusivo. Tamén se instalou unha zona elevada, con outro tobogán, un túnel, unha rede de cordas e unha área de rocódromo. Incluíuse igualmente unha cama elástica, un resorte con forma de balea e un xogo de teléfonos. Ademais, no pavimento amortecedor hai dous xogos tradicionais: un tres en raia e unha mariola. En total, son 66 actividades distintas, que permiten que o parque infantil sexa utilizado por 126 usuarios e usuarias ao mesmo tempo.

Compartir: