EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Seguen as representacións no Principal do XXII Certame de Teatro Intercentros

08/05/2017 O Teatro Principal continúa acollendo as representacións dos grupos de Secundaria no XXII Certame de Teatro Intercentros. Este luns foi a vez do IES Pontepedria e dos dous grupos do IES Rosalía de Castro, tras abrir o certame o IES Eduardo Pondal o pasado 2 de maio. Este martes subirán ás táboas do Principal os grupos de teatro do IES Arcebispo Xelmírez I, do IES Antón Fraguas e do CPPI dos Dices de Rois.

O Certame de Teatro Intercentros, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, segue ofrecendo a alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato de Santiago e comarca a oportunidade de amosar ao público o traballo teatral realizado ao longo do curso nos centros escolares. Os preparativos do certame comezan ao principio do curso, no que se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, os vestiarios ou o decorado, e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral.

Concluídas esta semana as representacións de Secundaria, o 15 de maio, a partir das 10:00 horas, será o día elixido para os catro grupos de teatro de Primaria desta edición. Actuarán, sucesivamente, os alumnos e alumnas dos colexios Nosa Señora dos Remedios e San Jorge, do CEEPR Aspanaes e do CEIP de Prácticas López Ferreiro.

Todos os/as participantes neste certame reciben un diploma acreditativo. Ademais, a Concellaría de Educación e Cidadanía entrega un agasallo simbólico a cada centro escolar en recoñecemento ao seu traballo.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: