CONSORCIO

O viola polaco Krzysztof Chorzelski tocará este xoves coa Real Filharmonía

10/05/2017 A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un novo concerto de abono este xoves 11, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. Nesta ocasión levará a batuta o director galego Diego García Rodríguez.

O concerto comezará con "Murmurios do bosque", a pasaxe máis popular da ópera Sigfrido, do compositor romántico alemán Richard Wagner (1813-1883). No segundo acto, Sigfrido, o heroe, tras conseguir derrotar ao dragón que custodia o tesouro do Rhin, descansa baixo unha árbore, entre os murmurios do bosque. É un dos cadros máis bonitos de Wagner, unha escena idílica á que o propio compositor referiuse como "a melodía dos bosques captada e feita poesía".

A continuación, o público terá a oportunidade de escoitar o Concerto para viola de Penderecki (1933), que nesta ocasión será interpretado polo viola polaco Krzysztof Chorzelski, que desenvolve unha diversificada carreira como intérprete por todo o mundo. Toca con regularidade nas salas máis importantes, como o Wigmore Hall de Londres, Konzerthaus de Viena, Concertgebouw de Ámsterdam, Châtelet de París, Philarmonie de Berlín ou Carnegie Hall e Lincoln Center de Nova York. As súas gravacións reciben os galardóns máis prestixiosos do campo da música de cámara.

É profesor de viola na Guildhall Scholl de Londres e regresa con frecuencia a Polonia para impartir clases na Academia Chopin e na Escola de Música Elsner. Ofrece habitualmente clases maxistrais de viola e música de cámara en Suíza, Polonia, Romanía, Israel e Colombia. Tamén estudou dirección de orquestra.

O concertos continuará coa obra Blumine, do compositor postromántico Gustav Mahler (1860-1911). E finalizarán con Jenufa Rapsodia, do checo Leos Janácek (1854-1928).

Encontro previo co director galego Diego García
A RFG estará dirixida nesta ocasión polo mestre galego Diego García Rodríguez. O público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a Real Filharmonía de Galicia antes de cada concerto coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Diego García Rodríguez é natural de Escarabote, no municipio coruñés de Boiro. Despois de obter o Máster en Dirección de Orquestra na Escola Superior das Artes de Zúric, continuou a súa formación no Reino Unido, onde dirixiu obras como Madama Butterfly e As vodas de Fígaro. Traballa con regularidade con orquestras en España, Inglaterra, Francia, Suíza e Polonia.

No campo operístico debutou como director musical no Teatro Real en 2015 coa produción Hansel e Gretel, de Humperdinck. Dirixiu a estrea mundial de It makes non difference..., ópera de cámara do compositor italiano Simone Spagnolo no festival Tête à Tête en Londres; Carmen, de Bizet, na Opéraa Baltycka de Gdansk (Polonia); así como a produción do Centro Dramático Galego A ópera dos tres reás, con dirección escénica de Quico Cadaval e protagonizada por Luís Tosar; ademais de producións de O barbeiro de Sevilla e Rigoletto no Teatro Vitoria Eugenia e no Kursaal de San Sebastián.

É o director artístico e musical do Taller Atlántico Contemporáneo, ensemble co que desenvolve unha intensa actividade a favor da música contemporánea e a colaboración con outras disciplinas artísticas.

Compartir: