LINGUA

O alcalde pídelle aos participantes no Correlingua que "vivan e amen en galego"

08/05/2017 O alcalde participou este mediodía no acto celebrado na praza da Quintana como peche do Correlingua 2017. Na carreira participaron centos de estudantes de centros de ensino de Santiago e da súa área de influencia. Desta vez, a proba celebrouse co lema "En galego, sen cancelas". Martiño Noriega saudou aos participantes, aos que invitou a "vivir e amar en galego", e lembroulles que "dos mozos e mozas do país depende que teñamos mil primaveras máis para a nosa lingua".

O rexedor tamén participou na entrega dos premios do concurso de animación da carreira, para o alumnado que elaborara as mellores pancartas para levar no Correlingua. Os dous primeiros premios foron para institutos de Compostela: o Xelmírez I e o Xelmírez II.

Correlingua é unha carreira impulsada pola Asociación-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e varios concellos galegos, que ten alcanzada unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado. O obxectivo da proba é que a mocidade reflexione sobre a situación da lingua e sensibilizar ao conxunto da sociedade da importancia de defender o noso idioma.

Compartir: