ALCALDÍA

Martiño Noriega asistiu na praza do Obradoiro a un simulacro do programa "Acude e Axuda"

08/05/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asistiu na praza do Obradoiro a un simulacro no que amosou o funcionamento do programa Acude e Axuda, de asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria en lugares públicos por persoal voluntario acreditado no manexo de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA). Nesta iniciativa colaboran o Sergas, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Cruz Vermella e a Sociedade Española de Cardioloxía.

No simulacro demostrouse como calquera testemuña, fóra do ámbito hospitalario, ante unha persoa inconsciente, debe chamar ao 061 e transmitir axeitadamente a información que lle requiran. Confirmada a situación a través do interrogatorio telefónico co médico coordinador, este indicaralle como realizar as manobras de reanimación pulmonar (RCP), ao tempo que alertará a unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e activará a través dunha aplicación informática aos voluntarios de Cruz Vermella inscritos no programa Acude e Axuda.

Deste xeito, un voluntario acudirá xunto á vítima para continuar coas manobras de RCP, mentres outro acude á procura do DESA máis próximo, ata a chegada da ambulancia asistencial de soporte vital avanzado que, tras avaliar, atenderá e estabilizará a vítima, e trasladaraa ao centro hospitalario máis próximo.

Este programa comezou no pasado mes de novembro no Concello de Santiago como proxecto piloto, co obxectivo de implantalo en toda Galicia no marco das accións para a mellora da atención á morte súbita. Na actualidade conta con 55 voluntarios de Cruz Vermella formados en técnicas de soporte vital básico e no manexo de desfibriladores externos semiautomáticos.

Compartir: