EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Nace a Asociación Musical Praeludium para a promoción da música clásica en Compostela

07/05/2017 A Orquestra Praeludium, formada por músicos e músicas noveis de Compostela, ofreceu este sábado un concerto no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O evento serviu tamén de marco para a creación da Asociación Musical Praeludium, unha entidade sen ánimo de lucro que pretende promover e difundir a música clásica en Santiago.

O traballo compartido por un grupo de músicos e músicas noveis de Santiago, liderado polo director compostelán Mateo Iglesias Seoane, está a recoller os froitos pretendidos cando puxo en marcha esta formación de música clásica, que naceu para dar continuidade á educación musical adquirida en diferentes institucións públicas e privadas da cidade.

Logo da creación en 2015 da Orquestra Praeludium, que xa lles permitiu colaborar con formacións de referencia da música clásica como a Escolanía da Catedral de Santiago ou o Coro Si Vis Me Canere, ou participar na posta en escena da ópera Brundibár, estes intérpretes noveis buscan novos horizontes. Así, este sábado quixeron mostrar a través dun concerto o seu agradecemento ao Colexio Nosa Señora dos Remedios, pola acollida e o trato recibido semanalmente nos ensaios da orquestra; ao CGAC e ao Departamento de Educación e Cidadanía, polo apoio e colaboración permanente.

Este foi tamén o marco no que se lanzou a Asociación Musical Praeludium, creada co obxectivo de animar a vida cultural compostelá e de ser punto de encontro dos mozos e mozas que queiran facer música de calidade nunha agrupación de música clásica.

Apoio municipal
O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presente na sala, reiterou a súa colaboración para dar estabilidade a esta iniciativa e lembrou que o apoio do seu Departamento é consecuencia dunha filosofía baseada en que "os nenos e nenas, os mozos e mozas que se educan en familias e comunidades nas que se toca, se canta, se interpreta ou se baila, atopan o camiño da expresión individual e, no caso que nos ocupa, a súa primeira educación musical".

Nesta mesma liña se pronunciou o grupo directivo da nova Asociación, que confía en conseguir a incorporación dos mozos e mozas que se están a formar nesta disciplina artística e en difundir a súa paixón pola música clásica. Manuel Fernández, Clara Copena, Marcos Rodríguez, Clara Ferreiro e Ángel Vidal, integrantes da orquestra, puxéronlle caras a este proxecto cultural. No CGAC tamén se dispuxo unha mesa informativa, na que se distribuíron fichas de socios e socios e se achegou información sobre a nova entidade sen ánimo de lucro.

O concerto
No concerto celebrado no CGAC, o público puido gozar dun repertorio composto por obras de Sibelius, Ibert, Britten, Fauré ou Beethoven. Os/as asistentes acolleron con entusiasmo a estrea da peza musical Alén, de Sergio Rodríguez, e a interpretación de Cinq pièces en trío, con Mariña Palacio, Érica Santiago e Nerea Villamayor como solistas, e da Elexía de Fauré por Martín Herrera.

Compartir: