LINGUA

O CSC de Santa Marta, escenario este sábado da final do Club de Debate

05/05/2017 O Centro Sociocultural de Santa Marta acollerá este sábado a final do Club de Debate, organizado polos servizos de normalización lingüística de varios concellos, entre eles Santiago.

Na final, que comezará ás dez da mañá, participará o alumnado de seis centros educativos de todo Galicia. Compostela estará representada polo IES da Pontepedriña, que terá que competir co IES Xulián Magariños de Negreira, o IES Luís Seoane de Pontevedra; o IES de Bertamiráns, o CPI Plurilingüe de Vedra, e o IES Leixa de Ferrol. O tema sobre o que terán que debater será "O futuro da lingua depende da mocidade".

O Club de Debate é un torneo de debates entre equipos, que pretende ser unha oportunidade para traballar doutro xeito algúns dos contidos e obxectivos do currículo educativo. Ao tempo, favorécese o uso do galego oral en contextos formais, o propio debate; e en contextos informais, a convivencia que se xera.

O premio final que agarda ao equipo gañador é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana, para un máximo de 20 persoas, na que terán ocasión, entre outras cousas, de achegárense ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais.

Compartir: