XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local impulsa un novo obradoiro de emprego para avanzar no acondicionamento do Sar

05/05/2017 A Xunta de Goberno aprobou este venres o proxecto do Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil III, que contempla a execución dunha nova fase do acondicionamento das beiras do Sar, no tramo comprendido entre Ponte Suarribas e Ponte da Fervenza. O alcalde explicou que esta actuación "permitirá darlle continuidade ás sendas realizadas no marco das dúas primeiras edición do Ecotur Xuvenil", e insistiu en que a intención do Goberno é "acondicionar todo o tramo dende Sar ata a zona do Banquete de Conxo".

O proxecto do Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil III ten un orzamento estimado de case 160.000 euros. Desa cifra, 50.000 euros serían achegados polo Concello para sufragar os custos do material. Para os case 110.000 euros restantes, correspondentes ao financiamento da man de obra, a Xunta de Goberno tamén acordou hoxe solicitar unha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Colectores de roupa e calzado
A Xunta de Goberno tamén aprobou a apertura do expediente de adxudicación mediante procedemento aberto da autorización do uso da vía pública para a colocación de colectores de roupa e calzado usados. Trátase dunha autorización que lle será concedida a algunha entidade que traballa no ámbito das reservas especiais de emprego e que xa ten manifestado o seu interese pola instalación deste tipo de colectores. O alcalde explicou que o procedemento de adxudicación será a través dunha poxa.

Outros acordos
A proposta do concelleiro delegado de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, acordouse executar as resolucións do pleno do Xurado de Expropiacións de Galicia relativas ás expropiacións dunhas parcelas situadas no ámbito de Tricastela. Martiño Noriega lembrou que este proceso "remóntase xa ao ano 2011, e foi xudicializado polo desacordo do Concello cos prezos xustos fixados polo Xurado de Expropiacións". Finalmente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non lle deu a razón á Administración local, que abonará os prezos establecidos orixinalmente. O alcalde explicou que as actuacións a desenvolver neste ámbito "están incluídas no protocolo co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para a convocatoria de concursos arquitectónicos en diversos puntos sensibles da cidade".

Por último, a Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio de colaboración co Ateneo de Santiago, que recibirá unha achega do Concello de 5.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: