DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello de Santiago participa na Asemblea Xeral da Rede de Entidades de Desenvolvemento Local

05/05/2017 O Concello de Zaragoza acolleu a Asemblea Xeral da Rede de Entidades de Desenvolvemento Local (Redel). A técnica municipal Carme Casado participou nesta xuntanza, na que se aprobaron as incorporacións a Redel do Concello de Medina del Campo e de IMPEFE (Instituto Municipal de Promoción Económica, Formación e Emprego de Cidade real). Polo tanto, a rede está formada xa por 17 entidades.

A Asemblea contou cun espazo de reflexión para debater sobre o sector comercio, en concreto sobre as liñas de apoio municipal ao comercio de proximidade. O sector de comercio é estratéxico e motor da vida urbana. Os concellos entenden que o papel do comercio é clave na vida dunha cidade e, por iso, apoian o sector mediante accións dirixidas a mellorar a competitividade do mesmo e promovendo a dinamización comercial a través de proxectos de rexeneración urbana, dinamización de locais baleiros, revitalización de mercados de barrio, xestión de espazos comerciais urbanos, etc.

Tamén se realizaron visitas técnicas a Etopía, equipamento de nova xeración deseñado para albergar e promover os proxectos creativos e emprendedores máis innovadores dentro da área de Milla Dixital, e a Zaragoza Activa, que conta cun ecosistema emprendedor aberto, innovador, creativo e colaborativo.

Durante a segunda xornada, este venres, celebrouse un encontro sobre Industrias Culturais e Creativas. Redel conta cun grupo de traballo centrado neste sector, co obxectivo de compartir o coñecemento en torno ao mesmo, que se reúne neste caso para coñecer diversos proxectos e experiencias existentes en Zaragoza.

Redel
Redel, Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, xorde como resposta á necesidade que existe de colaborar e traballar entre as axencias locais para ampliar os coñecementos adquiridos pola experiencia de cada socia/o e innovar e desenvolver proxectos conxuntamente, así como exercer un lobby. Naceu no ano 2008 como unha Rede de entidades expertas en desenvolvemento local que traballa para a mellora continua das organizacións a través da reflexión, a xestión do coñecemento e a colaboración, buscando o recoñecemento e a posta en valor a nivel técnico e político do desenvolvemento local e a súa proxección a nivel internacional.

Polo tanto, Redel está formada por un conxunto de axencias de desenvolvemento económico local e organizacións que promoven o seu traballo en rede en distintos territorios españois, e ten a vocación de constituírse nun referente para este tipo de entidades, as instancias políticas que as apoian, os profesionais que forman parte delas e, en xeral, os diversos actores que interveñen no deseño e a xestión das políticas de desenvolvemento económico local no noso país.

Redel está formada polas principais axencias de desenvolvemento existentes a nivel estatal: Barcelona Activa; PalmaActiva; Getafe Iniciativas, S.A. - Agencia de Desarrollo Local; Deputación de Barcelona; Concello de Santiago de Compostela; Asociación Vasca de Agencias de Desarrollo (GARAPEN); Centro de Iniciativas Municipales de Murcia; València Activa; ImpulsAlicante, Agencia Local de Desarrollo Económico y Social; ILDEFE - Instituto Leonés de Desarrollo Económico, Formación y Empleo; Promálaga; IMDEEC - Instituto Municipal de Desarrollo Económico y Empleo de Córdoba; SODEBUR - Sociedad para el Desarrollo de la provincia de Burgos; Móstoles Desarrollo; Ayuntamiento de Zaragoza; Ayuntamiento de Medina del Campo; e Instituto Municipal de Promoción Económica, Formación y Empleo de Ciudad Real (IMPEFE).

Direccións relacionadas



Compartir: