XUNTA DE GOBERNO

A empresa concesionaria do transporte urbano substituirá os autobuses máis deteriorados

05/05/2017 A Xunta de Goberno autorizou este venres a substitución de sete vehículos adscritos ao servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros. Trátase de autobuses matriculados no ano 1999, e que presentan numerosas deficiencias que viñan suscitando as queixas dos usuarios.

O alcalde explicou que a autorización para substituír os sete autobuses chega "despois de que Tussa realizara unha auditoría sobre a situación da flota dos vehículos que cobren as rutas do transporte urbano, previo ao novo procedemento de licitación do servizo". Martiño Noriega sinalou que "é evidente que moitos autobuses están moi deteriorados, e ata que teñamos o novo contrato é preciso manter a calidade do servizo e a seguridade dos usuarios". A renovación destes sete autobuses é temporal, e non terá ningún custo para o Concello. O rexedor lembrou que estes vehículos sumaranse aos catro que se renovaron hai xa uns meses.

Viaqua
Na Xunta de Goberno tamén se adoptou unha decisión relativa á concesionaria do servizo de augas, Viaqua. Trátase da aprobación do cadro de prezos que a empresa terá que aplicar nas obras que realice ao longo de 2017. O alcalde explicou que "ata o de agora non había un cadro de prezos que unificara o que a concesionaria lle cobraba aos veciños e veciñas de Santiago por executar tomas de auga ou obras de saneamento e traída". Agora, estará estipulado cales son esas tarifas, "de xeito que ningún compostelán se poderá sentir agraviado con respecto a outro".

Cemiterio de Boisaca
O Goberno local tamén aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do servizo de conservación e mantemento do cemiterio municipal de Santiago. Farase a través dun procedemento aberto e cun tipo de licitación de 122.190 euros/ano, máis IVE de 25.659,90 euros/ano.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: