LINGUA

En marcha a quinta edición do Conto Viaxeiro

04/05/2017 Esta mañá botou a andar unha nova edición, a quinta, do Conto viaxeiro, unha iniciativa do Departamento de Lingua dirixida ao alumnado de Educación Primaria. A primeira sesión desenvolveuse esta mañá no CEIP López Ferreiro, co alumnado de 2º de Primaria.

Ao longo de todo o mes de maio o Conto viaxeiro chegará tamén ao Colexio Plurilingüe Vilas Alborada, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o Monte dos Postes, o Colexio San Paio-Enma e o Colexio San Jorge.

O Conto viaxeiro pretende promover a expresión e a expresividade en galego, ao tempo que achega aos escolares á literatura oral escrita e estimula a súa creatividade artística. Cada grupo-aula inscrito no programa participa nunha sesión de elaboración dun conto, conducido por monitores que achegan os contidos e guían a construción do texto.

O primeiro grupo inicia a historia, que logo continúa en cada unha das seguintes sesións ata completar a narración. Os nenos e nena tamén se encargan de facer os debuxos para ilustrar a parte sobre a que traballaron, e elixen cal das ilustracións creadas na sesión anterior vai estar no conto definitivo.

No blog contoviaxeiro.santiagodecompostela.gal vaise dando conta de cada unha das sesións, e pódese acceder tamén aos contos viaxeiros de anos anteriores.

Compartir: