CONSORCIO

Últimos días para solicitar as axudas á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas nos inmobles da cidade histórica

02/05/2017 O Consorcio de Santiago vai destinar 150.000 euros en axudas para a rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Con esta iniciativa búscase mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico. O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro luns, 8 de maio.

Estas axudas están destinadas a fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas propietarias, arrendatarias ou aquelas que ostenten algún dereito de uso sobre os inmobles; e as comunidades de propietarios. Os inmobles deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e ser estancos fronte á chuvia, ademais de ter unha antigüidade superior aos 20 anos.

Á hora de avaliar as solicitudes, terán especial consideración os inmobles afectados por contaminación acústica, situados nas zonas declaradas "saturadas de ruído" polo Concello de Santiago; sempre que coa intervención se consiga unha mellora do illamento acústico do inmoble. Trátase das rúas da Conga, Bispo Xelmírez, San Paio de Antealtares, San Bieito, Vía Sacra, Algalia de Abaixo, Entremuros, Troia, Travesa, praza da Algalia de Abaixo, Cantón de San Bieito, Travesa de San Paio de Antealtares, Fonte Sequelo, praza de Feixoo e rúa de Abril Ares.

O nivel de ingresos da unidade de convivencia tamén ten relevancia especial nesta convocatoria. Ademais, primarase a incorporación de novos solicitantes, así como a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira ou de reixas. Valorarase o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do edificio ou vivenda e dos elementos singulares sobre os que se actúe. E, por último, darase preferencia aos inmobles destinados a vivenda e con ocupación permanente.

Axudas á mellora dos locais comerciais
No marco do Programa Localízate, o Consorcio de Santiago vai destinar este ano 150.000 euros en axudas para mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior e o acondicionamento interior dos locais comerciais situados no ámbito do Plan Especial de Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago. O prazo de presentación de solicitudes remata tamén o vindeiro luns 8 de maio.

Estas subvencións enfócanse de maneira prioritaria á realización de obras que melloren a accesibilidade. Ademais, búscase favorecer a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire), mellora da imaxe externa, obras de mellora do interior, acondicionamento acústico e tamén se subvencionan os honorarios de redacción do proxecto e dirección técnica da obra.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os usuarios legais dos locais, tanto persoas físicas como xurídicas, e actúen como propietarios, arrendatarios ou que ostenten algún dereito de uso sobre eles. En canto aos locais, deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e estanquidade fronte á choiva; o edificio no que se localice o establecemento deberá ter unha antigüidade superior aos 20 anos. Deberán estar nunha planta baixa, semisoto ou primeiro soto ou en plantas altas se están vencelladas co local da planta baixa. Ademais, terán que contar con fachada á vía pública.

En canto á avaliación das solicitudes, darase preferencia á mellora da accesibilidade do local. Tamén se primará a redución do consumo enerxético e a mellora da súa imaxe exterior, así como a apertura de novos locais actualmente sen uso. Respecto á actividade da empresa, valorarase a súa repercusión no desenvolvemento do tecido económico local. O orzamento mínimo subvencionable será de 3.000 euros e o máximo de 30.000 €. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.

Os interesados en concorrer a estas convocatorias deberán presentar as solicitudes e a documentación pertinente no rexistro do Consorcio ou en calquera outro rexistro. Para consultar dúbidas, deberán acudir ás dependencias da Oficina Técnica do Consorcio, situada no número 59 da rúa do Vilar.

Compartir: