ACCIÓN CULTURAL

Varios espazos da cidade acollen do 4 ao 7 de maio a segunda edición do "Imperdible. Festival de Impro de Galicia"

02/05/2017 Este martes foi presentada na Casa do Concello, a segunda edición do Imperdible. Festival de Impro de Galicia nunha rolda de prensa na que participaron a primeira tenente de alcalde, María Rozas; o director do Festival, Antón Coucheiro; e Alfonso Medina e Sandra Varela, organizadores do mesmo. O evento celébrase do 4 ao 7 de maio en diversos espazos de Compostela organizado pola compañía The Momento Impro e co obxectivo de reivindicar a improvisación como ferramenta de traballo creativo e como xénero puxante en todas as disciplinas.

Esta segunda edición convértese nun encontro entre improvisadores de toda a Península. Destacan no programa Javier Pastor, recoñecido mestre madrileño de El Club de la Impro; o soundpainter Ricardo Gassent para pilotar a Big Band Impro Compostela; ou os zaragozanos Teatro Indigesto, co seu espectáculo Secuestrados, tres actividades previstas para o Teatro Principal. Haberá tamén obradoiros e espectáculos en diversos espazos da cidade como o Camalea, o Riquela Club, a Praza de Abastos, Matadoiro Compostela ou o Bar Olvido.

No Teatro Principal haberá tres funcións: Secuestrados, co Teatro Indigesto de Zaragoza, o venres 5 de maio; Oniria, de Javi Pastor, o sábado 6 de maio; e a Impro Big Band de Compostela, dirixida por Ricardo Gassent e Alfonso Medina, o domingo 7 de maio. As tres serán ás 20:30 horas, cun prezo de 5 euros cada unha. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Ademais, hai un bono de 12 euros para entrar ás tres funcións.

Secuestrados é un espectáculo vándalo de improvisación teatral. Un secuestro organizado milimetricamente por dous personaxes sacados de calquera barrio, que queren compartir e facer partícipes aos reféns da súa historia. Ofréceo Teatro Indigesto, de Zaragoza, unha compañía de referencia na improvisación en España, organizadores habituais do Encontro Nacional de Impro en Zaragoza dende hai varios anos. Nesta ocasión veñen a Compostela a ofrecer o seu espectáculo estrea no marco deste Imperdible 2017.

Oniria, de Javi Pastor, é un espectáculo de improvisación con escenas ambientadas no mundo dos soños. As improvisadoras crean historias a partir dos soños do público e os seus estímulos: recordos, desexos, imaxes, músicas, contos, poemas, ensoñacións... Unha viaxe onírica ao máis profundo do noso subconsciente, cunha estética que oscila entre o antigo, o máxico e o steampunk. Javi Pastor, un dos mellores formadores e directores de impro do país, ponse ao fronte dun elenco composto por improvisadoras de compañías de diversa procedencia e traxectoria para ofrecer este espectáculo cargado de maxia neste Imperdible 2017. Con improvisadores de Themomento (Compostela), La Tetera (Granada), The Modestos (Barcelona), Teatro Indigesto (Zaragoza), Improvivencia (Alacante), Subit (Valencia), Improductivos (Sevilla), Trivilorio (Xixón), Los Duguis (A Coruña), Triatreros (Vigo) e Lusco e Fusco (Lugo).

A Impro Big Band Compostela está dirixida por Ricardo Gassent e Alfonso Medina, e pecha o festival domingo 7 de maio. É un espectáculo multidisciplinar no que actores e actrices, bailarinas, músicos, cantantes e artistas plásticas improvisan nunha orquestra de soundpainting. A Impro Big Band Compostela engraxa de novo o seu bo facer, nesta ocasión baixo dobre batuta: a do convidado Ricardo Gassent Balaguer, soundpainter formado polo propio Walter Thompson, e a do noso soundpainter residente e membro de TheMomento, Alfonso Medina.

Documentos relacionados



Compartir: