EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Segue aberta a matrícula no Programa de Conciliación de Semana Santa 2017

06/04/2017 Unha vez rematado o prazo de inscrición no Programa de Conciliación Familiar e Laboral para esta Semana Santa 2017, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía, comunícase que todas as persoas que entregaron a solicitude no Rexistro están admitidas e, á vista de que aínda quedan prazas dispoñibles, continúa aberta a posibilidade de matrícula.

Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa para a conciliación para as familias no tempo de vacacións da Semana Santa. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse os días 10, 11, 12 e 17 de abril no CEIP As Fontiñas e no CEIP Raíña Fabiola.

As familias poden inscribir nenos e nenas empadroados no concello de Santiago ou que cursen estudos en centros de Educación Infantil e Primaria, entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria de Santiago. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

No CEIP As Fontiñas o horario será de 07:45 a 16:00 horas: de 7:45 a 9:00 horas o servizo de madrugadores; de 9:00 a 14:00 horas os obradoiros e actividades; e de 14:00 a 16:00 horas o servizo de comedor.

No CEIP Raíña Fabiola, o programa desenvolverase de 9:00 a 14:00 horas, dado que non se acadaron os mínimos establecidos para os servizos de madrugadores e comedor.

Inscrición e información
A inscrición realizarase a través Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16), cubrindo o formulario dispoñible nesta web, no Departamento de Educación e Cidadanía ou nos propios rexistros. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

Máis información no Departamento de Educación e Cidadanía, a través dos teléfonos 981 554 400 e 981 554 401 e da dirección electrónica dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Documentos relacionados



Compartir: