ALCALDÍA

O alcalde comprométese a estudar o aumento da carga de traballo aos centros especiais de emprego

03/04/2017 O alcalde, Martiño Noriega, recibiu esta mañá o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego, Cegasal. Na xuntanza con José Antonio Vázquez tamén participaron a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e o presidente da Asociación Compostelá de Autotaxi, José Miguel Pérez Lamas.

Durante a reunión, o alcalde reiterou o seu compromiso cos centros especiais de emprego, a afirmou que se estudará a posibilidade de "dotar de máis carga de traballo aos centros cos que xa se vén colaborando dende o Concello, fundamentalmente Coregal e Dixardín".

Outro dos asuntos abordados na reunión foi a posibilidade de implantar en Santiago un bonotaxi para persoas con renda reducida, unha petición que trasladou o colectivo Radio Taxi Compostela, último centro en asociarse a Cegasal. Os seus representantes tamén solicitaron axudas para os eurotaxis, un medio de transporte necesario para as persoas con mobilidade reducida pero que ten un maior custo para os empresarios que os taxis non adaptados.

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. Os centros especiais de emprego de iniciativa social apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Desta forma, a asociación funciona como xeradora de oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade. En 2015, os centros especiais de emprego asociados a Cegasal facturaron 25 millóns de euros e deron emprego a máis de 1.250 persoas.

Compartir: