EDUCACIÓN

Aberto o prazo para apuntarse ao Programa de Conciliación de Semana Santa

27/03/2017 A concellería de Educación e Cidadanía vén de abrir o prazo para solicitar praza no programa de conciliación de Semana Santa. Permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de abril.

Este programa concíbese como un espazo educativo e promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa de conciliación para as familias no tempo de vacacións da Semana Santa. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse os días 10, 11, 12 e 17 de abril nos CEIP As Fontiñas e CEIP Raíña Fabiola, de alcanzarse o número mínimo de participantes requirido.

Poden participar nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

A inscrición realizarase a través Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal o Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16), cubrindo o formulario dispoñible nesta web, no Departamento de Educación e Cidadanía ou nos propios rexistros. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

O horario será de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.

Compartir: