ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O Concello celebra o Día Mundial da Poesía cunha homenaxe a Miguel Hernández

21/03/2017 O CGAC acolleu esta mañá un acto co alumnado de primaria e secundaria de varios centros de Compostela co gallo do Día Mundial da Poesía. Estivo organizado polas concellerías de Acción Cultural e Educación e serviu de homenaxe a Miguel Hernández.

Tamén participou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen reivindicou a poesía "en todos os eidos da vida, tamén na política" e lembrou a todos e todas as poetas que tivo e ten Compostela.

Na gala participaron cinco poetas que leron poemas, tanto propios, como do escritor Miguel Hernández, a quen a Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados decidiu dedicar o Día da Poesía este ano. Os poetas que participaron foron María do Cebreiro, Rosalía Fernández, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade e Alba Cid.

O acto continuou cun concerto didáctico a cargo do músico Paco Damas, que comprendeu distintas cancións e a lectura poética por parte dunha representación do alumnado asistente de textos de Miguel Hernández, acompañados por imaxes da súa obra. Esta proposta leva por nome Tristes guerras e quere lembrar o 75 aniversario da morte do poeta, quen faleceu na cadea en Alacante.

Miguel Hernández
Miguel Hernández naceu o 30 de outubro de 1910 en Orihuela, sendo o terceiro de sete irmáns. En 1931 gañou o primeiro e único premio literario da súa vida cun poema de 138 versos chamado "Canto a Valencia". Cando estoupou a Guerra Civil combateu no bando republicano e, finalizada a contenda, intentou fuxir a Portugal, onde a policía de Salazar o entregou á Garda Civil. Morreu na cadea en 1942, con 31 anos de idade, por mor dunha infección por tuberculose.

Compartir: