ACCIÓN CULTURAL

Teatro do Noroeste celebra os seus 30 anos con "Estado de graza" no Principal

13/02/2017 Teatro do Noroeste cumpre 30 anos e, para celebralo, esta semana teremos en Compostela funcións do seu último traballo, Estado de graza e a presentación dun libro compendio destas tres décadas. As actividades foron presentadas esta mañá na Casa do Concello pola concelleira de Turismo, Marta Lois; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e Eduardo Alonso e Luma Gómez, de Teatro do Noroeste.

Poderemos ver Estado de graza do xoves 16 ao domingo 19, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, mesmo lugar onde o venres 17, ás 18:00 horas, se presentará o libro no que se recolle toda a vida da compañía. A presentación do libro será con entrada libre e as entradas para Estado de graza, poden mercarse xa en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal de martes a domingo a partir das 18:00 horas. Teñen un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais).

Teatro do Noroeste Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada no 1987. Na súa dilatada traxectoria, que agora cumpre 30 anos, ten producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estes espectáculos pódense salientar dende textos clásicos como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais, ata textos máis contemporáneos coma Os Xustos, de Albert Camús, ou de autores galegos como Historias Peregrinas ou A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, así coma o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre moitos outros.

A alma de Teatro do Noroeste son Luma Gómez e Eduardo Alonso. Luma Gómez é unha actriz cunha longa e prolífica carreira profesional. Traballou en diversas e importantes compañías de teatro, así como en diversas montaxes do Centro Dramático Galego en papeis protagonistas. Fixo importantes papeis cinematográficos con produtores do Estado e de Galicia. É actriz habitual en programas e series da TVG.

Eduardo Alonso posúe unha das máis amplas e frutíferas traxectorias dentro do teatro profesional. Dirixiu máis de 40 espectáculos na súa xa dilatada carreira. É coautor de importantes versións teatrais como O enfermo imaxinario ou Medea, publicadas por Edicións Xerais. É autor de diversos textos, postos en escena por Teatro do Noroeste. Foi o primeiro director do Centro Dramático Galego e en 1985 foi nomeado polo Ministerio de Cultura membro do Consejo Nacional de Teatro, por designación directa. Un espectáculo da súa dirección –As alegres casadas, de W. Shakespeare- recibiu o Premio Compostela ao mellor espectáculo teatral da temporada galega. Rei Lear de W. Shakespeare, versionada por Eduardo Alonso e Cándido Pazó, recibiu o Premio Compostela á mellor versión teatral en lingua galega.

Estado de graza
No ano da morte de Franco, unha moza regresa a súa casa natal despois de pasar catorce anos sen dar sinais de vida. Acompáñaa a súa filla autista. A súa chegada revoluciona o monótono vivir das dúas beatas que habitan a casa, a súa nai e unha criada que a acompaña na vida e nos rezos. Ao mesmo tempo que agoniza o ditador, agoniza unha forma de vivir, de sentir a relixión e de estar na sociedade.

Lola é unha moza de dezaseis anos, dunha boa e acomodada familia formada pola súa nai, Dolores, de fortes crenzas relixiosas, a criada e dama de compañía desta, Catarina, e a irmá maior de Lola, Soledad, que hai tempo que se suicidou tirándose do torreón da casa. Un caserón á saída da cidade. E un pai constantemente ausente por múltiples viaxes, que realmente son fuxidas. Lola comete un pecado que non pode ser perdoado ás mozas de boa familia desa cidade, seguramente de provincias, neses tempos. Queda embarazada.

A difícil relación entre unha filla que ansía a liberdade e unha nai dominada polas crenzas relixiosas máis profundas. O duro enfrontamento entre unha xeración dominada pola beatería máis contumaz e a seguinte coa liberdade por bandeira. Cando a relixión impera en todos os comportamentos humanos, resulta case imposible liberarse dese xugo. No tardo-franquismo, seguramente o momento histórico en que dúas xeracións consecutivas estiveron máis distantes ideoloxicamente, catro mulleres loitan por establecer o seu lugar no mundo.

Compartir: