DÍA MUNDIAL DA RADIO

O Concello e as emisoras de Compostela celebran o Día Mundial da Radio

10/02/2017 O Concello de Santiago vai colaborar coas emisoras de radio de Compostela na celebración do Día Mundial da Radio, o 13 de febreiro. Por ese motivo, os semáforos de varias rúas da cidade utilizarán durante varios días as voces dos locutores dos programas locais, as mesmas que acompañan a diario aos oíntes da capital galega.

Do 13 ao 19 de febreiro poderanse escoitar as voces de nove xornalistas noutros tantos semáforos de Compostela: avenida de Rosalía de Castro, avenida de Rosalía de Castro con praza de Vigo, rúa Mestre Mateo, avenida de Romero Donallo, Porta Faxeira, Fonte de Santo Antonio, rúa de San Pedro, rúa das Rodas e avenida de Coímbra.

Esta iniciativa está organizada por Radio Galicia Cadena SER, como decana da radio en Santiago, e conta coa participación de LOS40 Santiago, Onda Cero, Cope, Cadena 100, Radio Obradoiro, Radio Voz, Radio Nacional de España e Radio Galega. Cristina Pérez, xornalista de Radio Nacional de España que exerceu de portavoz de todos os participantes, explicou que o obxectivo "é recordar a importancia dun medio de comunicación que participou de forma activa na historia de Compostela, e que estivo presente nos seus acontecementos máis importantes". Tamén salientou que a radio soubo "adaptarse aos novos tempos, ás novas tecnoloxías e á existencia das redes sociais, facendo que os oíntes sexan tamén escoitados".

Os xornalistas, protagonistas por un día
Esta iniciativa foi presentada hoxe nunha rolda de prensa na que por unha vez se inverteron os papeis. Os xornalistas que habitualmente cobren a información local ocuparon o lugar dos representantes dos grupos políticos da Corporación, e foron estes os que se encargaron de facerlles as preguntas. Na presentación participaron o alcalde, Martiño Noriega; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; o voceiro do BNG, Rubén Cela; o edil socialista Gonzalo Muíños e a concelleira do PP María Corral.

Este ano, a UNESCO propón o lema "A radio es ti", para a celebración do Día Mundial da Radio. Este é o medio de comunicación máis dinámico, reactivo e atractivo, e sabe adaptarse aos cambios do século XXI para ofrecer novas formas de interacción e participación. A UNESCO apela ás radios para manter o diálogo constante cos seus oíntes, para responder ás súas necesidades.

Na Área Metropolitana de Santiago viven 171.000 persoas maiores de 14 anos, dos que 112.000 escoitan a radio a diario. Iso supón un 65,4%, dos puntos máis que a media estatal.

Compartir: