CONSORCIO

A RFG estrea unha obra da compositora serbia Isidora Zebeljan, que se desprazou a Santiago para seguir os ensaios e asistir ao concerto

08/02/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia. O primeiro será mañá xoves, 9 de febreiro, ás 20:30 horas.

O venres, ás 18:30 horas, parte do concerto repetirase para o público máis novo e para as familias, no marco do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. En ambas as actuacións levará a batuta o mestre valenciano Joan Enric Lluna, que ademais interpretará dúas obras ao clarinete no concerto de abono.

O público terá a oportunidade de asistir á estrea mundial do Concerto para clarinete e orquestra "Pipe and flamingos", da compositora serbia Isidora Zebeljan, que se desprazou a Santiago para seguir os ensaios e asistir ao concerto. A obra será interpretada ao clarinete por Joan Enric Lluna, mentres Paul Daniel dirixe (só esta obra).

No transcurso da velada a orquestra tocará tamén a obra Concertino para clarinete e orquestra, do compositor romántico alemán Carl Maria von Weber (1786-1826), que interpretará Lluna ao clarinete. A cita concluirá coa Sinfonía nº 8 do compositor checo Antonín Dvorák (1841-1904).

Charla previa co director e clarinetista Joan Enric Lluna
Antes da celebración do concerto, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director e clarinetista Joan Enric Lluna. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Joan Enric Lluna é un músico polifacético que compaxina o seu labor de clarinetista coa dirección de orquestra e o ensino. En 2005 fundou o conxunto de vento Moonwinds e desde 2009 dirixe o Festival Internacional Residències de Música de Cambra en Godella, Valencia. Como solista interpretou gran parte do repertorio para clarinete e estreado varios concertos para este instrumento.

Actuou como director-solista con varias orquestras nacionais e internacionais, entre elas a Pablo Sarasate de Pamplona, Covent Garden Chamber Orchestra ou a Kensington Chamber Orchestra de Londres. En 2006 foi nomeado por Lorin Maazel clarinete solista da Orquestra do Palau de lles Arts Raíña Sofía de Valencia. Con anterioridade foi primeiro clarinete da Bournemouth Sinfonietta e principal convidado en orquestras como a Royal Philharmonic, Academy of St. Martin-in-the-Fields, London Symphony, Chamber Orchestra of Europe, City of Birmingham, London Mozart Players.

Joan Enric Lluna foi cofundador da Orquestra de Cadaqués, da que tamén é primeiro clarinete. Ademais, é profesor na Escola Superior de Música de Catalunya e no Trinity College of Music de Londres. E é convidado con regularidade a impartir clases maxistrais e recitais en importantes institucións musicais como a California State University, Royal College e Royal Academy de Londres ou a Royal Scottish Academy of Music de Glasgow.

Compartir: