ALCALDÍA

O Concello colabora na homenaxe ao sociólogo Fermín Bouza Álvarez

08/02/2017 Somos Ferministas é o título da homenaxe que o sociólogo compostelán Fermín Bouza Álvarez recibirá este próximo domingo, ás 12:00 horas, no Teatro Principal. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou o acto acompañado de Xosé Manuel Pereiro, director da revista Luzes, coorganizadora do evento.

O alcalde sinalou que a homenaxe ao compostelán Fermín Bouza Álvarez, falecido no pasado mes de outubro, "era máis que necesaria polo seu compromiso, polo seu peso intelectual, por ser un referente no pensamento dos séculos XX e XXI e tamén pola parte máis humana do sociólogo". Martiño Noriega tamén lembrou as palabras de Manuel Rivas, codirector de Luzes, tras a morte do intelectual: "Fermín Bouza está morto, sí, pero é un morto inconformista. A súa obra, en libros, e bitácoras, na transmisión oral do saber, constitúe un campo de vagalumes. En tempos de herbicidas, puntos de luz resistentes".

Pola súa parte, Xosé Manuel Pereiro referiuse a Fermín Bouza Álvarez como "un rebelde eficaz, un inconformista apaixonado, e un exemplo da tradición da antitradición". O director de Luzes mostrouse convencido de que a homenaxe do domingo "vai moito máis alá da lembranza do sociólogo. É tamén un recoñecemento ao seu avó, multado con 10.000 pesetas por querer poñer no balcón de Vilagarcía de Arousa unha bandeira galega sendo tenente de alcalde; e é un recoñecemento ao seu pai, xulgado en dúas ocasións durante o franquismo e que acabou perdendo a casa que tiña alugada na rúa do Vilar nun xuízo no que se tivo en conta o seu pasado galeguista". Para Pereiro "o acto do domingo é unha homenaxe a todos os que viviron situación semellantes, porque Galicia está chea de ferministas".

Música e palabras para lembrar a Fermín Bouza
Somos Ferministas, a homenaxe a Fermín Bouza Álvarez, celebrarase o domingo 12 de febreiro, a partir das doce do mediodía no Teatro Principal. O acto estará presentado polos dous directores de Luzes, Manuel Rivas e X.M. Pereiro. Está prevista a intervención de Amada Traba, Ana Cuña, Antón Baamonde, Antón Losada, Antón Patiño, Xosé Manuel Beiras e Carmen Pena, viúva do escritor.

Na homenaxe tamén haberá música, a cargo do fillo do homenaxeado, Fermín Bouza Pena, e de Eladio dos Santos, Luís Emilio Batallán e Miro Casabella. O acto pecharase cunha lectura de Dores Tembrás, e coa proxección de "Aquela Compostela de Fermín", unha entrevista do xornalista Xuso Iglesias con Fermín Bouza Álvarez gravada no ano 2014.

Compartir: