ALCALDÍA

Santiago de Compostela sumouse á conmemoración do Día Internacional das Vítimas do Holocausto

27/01/2017 A praza do Obradoiro acolleu minuto de silencio con motivo do Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto. Cumpriuse así o acordo adoptado polo Pleno da Corporación municipal na súa sesión ordinaria do pasado 19 de xaneiro de 2017.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e outros concelleiros e concelleiras integrantes da Corporación participaron nesta concentración, coa que o Concello de Santiago quere lembrar, de maneira singular, aos máis de 10.000 cidadáns españois que sufriron e morreron nos campos de exterminio nazis, aos exiliados e a todas aquelas persoas que foron deportadas ou perseguidas polas súas ideas.

Deste xeito, o Concello súmase á conmemoración do Día Internacional de Conmemoración das Vítimas do Holocausto, que se celebra cada 27 de xaneiro dende 2005 por resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas. A data elixida lembra a liberación, hai 60 anos, do campo de exterminio de Auschwitz, convertido en símbolo de barbarie nazi.

Compartir: