EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Compostela súmase á celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz

24/01/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou hoxe os actos impulsados dende o seu departamento para a conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, o 30 de xaneiro. O edil estivo acompañado por Belén Álvarez, coordinadora das escolas infantís municipais; Adela Maroño, profesora de música do Colexio Pío XII e unha das autoras da guía didáctica de Brundibár; e Fernando Rey, director da Escola Municipal de Música.

Manuel Dios lembrou que a celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz "é unha iniciativa xa consolidada que figura nos plans e nos proxectos educativos de todos os centros". Aínda así, reivindicou a necesidade de traballar ao longo de todo o curso para fomentar a cultura de paz, "entendida como a procura de solucións a todos os conflitos, non só á violencia directa, senón tamén á violencia estrutural que se traduce en desigualdades sociais". O concelleiro de Educación e Cidadanía lembrou que "transmitir valores de paz é unha labor do conxunto da sociedade, dende as institucións ás familias, pasando polos medios de comunicación e os centros educativos".

Encontro das escolas infantís municipais
As escolas infantís municipais veñen desenvolvendo actividades relacionadas coa cultura de paz ao longo de todo o curso, tal e como destacou Belén Álvarez. Nesa liña, lembrou outras iniciativas como a celebración da Semana da Infancia ou da Semana dos xoguetes non bélicos e non sexistas. Ao longo desta semana, do 23 ao 29 de xaneiro, o traballo educativo e pedagóxico das escolas de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños céntrase na elaboración de materiais didácticos para traballar cos nenos e nenas o tema transversal da paz.

Para o 30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz, está prevista a celebración dunha xornada especial na Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños, á que asistirá o alumnado dos outros dous centros xunto co profesorado e as familias. Entre todos/as crearán un mural da "paisaxe pola paz", e leranse uns desexos relacionados con esta temática. O alcalde, Martiño Noriega, encargarase de darlle lectura a un manifesto pola paz e a non violencia, antes do remate do acto cunha solta de globos e pombas, en colaboración co Club Colombófilo "Alas de Compostela". No acto tamén participará a Escola Municipal de Música.

Guía didáctica Brundibár e representación de Goldi Libre
O alumnado de infantil segue a traballar coa Guía Didáctica elaborada polas profesoras Adela Maroño e Mercedes Blanco sobre a ópera infantil Brundibár, de Hans Krasa, que se representou o 17 de decembro no Teatro Principal. Ese traballo inclúe tres tipos de propostas de actividades, sobre a propia ópera e sobre o seu contexto histórico da II Guerra Mundial.

Dirixida ao alumnado de Bacharelato, e tamén vinculada á celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, o próximo venres 27 de xaneiro haberá unha representación gratuíta da obra Goldi Libre no Teatro Principal. Trátase dunha obra do grupo Berberecheira, auspiciado por Chévere, que permitirá reflexionar sobre o movemento pacifista, a obxección de conciencia ou a insubmisión, así como sobre o papel xogado pola mocidade na supresión definitiva do servizo militar obrigatorio.

Escola Municipal de Música
Por último, a Escola Municipal de Música súmase este ano á conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz cun concerto de hang e violín a cargo da profesora do centro Loida Díaz e do músico convidado Brais Calles. Será o 30 de xaneiro, no propio centro, a partir das 19:15 horas.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: