CONSORCIO

Unha viola de 1755 soará coa Real Filharmonía de Galicia da man do prestixioso violista Tasso Adamopoulos

23/01/2017 A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá dous concertos esta semana. O primeiro terá lugar o xoves 26 en Vigo, no Teatro Afundación, ás 20:30 horas. E, ao día seguinte, a orquestra tocará na súa sede, o Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas. En ambas actuacións levará a batuta o director francés Pierre Dumoussaud.

Pierre Dumoussaud interesouse pola dirección orquestral dende moi novo. Formouse no Conservatorio Nacional Superior de Música de París e aos 20 anos fundou o Ensemble Furians, do que ademais é director musical. Dirixiu boa parte das orquestras francesas e europeas, e recibiu moi boas críticas como director asistente da Ópera Nacional de Burdeos.

Os concertos arrancarán coa Sinfonía nº 4 do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Coñecida como "A italiana", a obra ten as súas orixes na viaxe que o autor realizou entre 1830 e 1831 a Italia, inspirándose na cor e na atmosfera do país.

A continuación, o público terá a oportunidade de escoitar Harod en Italia, do compositor romántico francés Hector Berlioz (1803-1869). É a súa segunda sinfonía, escrita en 1834. Está composta en catro movementos, que evocan musicalmente varias escenas de As peregrinacións do Neno Harold, de Lord Byron. Nesta obra, a viola ten un gran protagonismo e serve para vincular as catro partes. Nesta ocasión será o violista francés de orixe grega Tasso Adamopoulos o responsable da súa interpretación.

Despois dos seus estudios de violín no Conservatorio de Haïfa (Israel), Adamopoulos formouse en viola na Academia de Música de Tel Aviv. Logo recibiu unha beca na Fundación Norman, Fundación Americana de Israel. De regreso a Europa, estudou en Holanda e converteuse en viola solista na Orquestra Filharmónica de Róterdam. Tamén foi viola solista da Orquestra Nacional de Francia. Toca con regularidade coa Orquestra Filharmónica de Radio Francia, Orquestra de París, Orquestra Nacional de Burdeos e Orquestra de Radio Televisión de Luxemburgo, entre outras. Ademais, é membro do Sartory Trio e do Cuarteto de Burdeos. Na actualidade é profesor do Conservatorio de Lyon e imparte clases maxistrais en todo o mundo. Toca unha viola Landolfi de 1755.

Compartir: