NADAL 2016

Contos, cantos, xogos e gastronomía de Nadal nos centros socioculturais

26/12/2016 Os centros socioculturais serán ao longo desta semana algúns dos principais escenarios das actividades de Nadal organizadas polo Concello, nas que os contos e os cantos seguirán sendo protagonistas. Unha das propostas máis chamativas para os vindeiros días son as novas sesións de Bicoca de boca en boca, as sesións dirixidas por Celso Fernández Sanmartín que teñen como obxectivo xuntar a novos e maiores para que compartan as súas experiencias en relación ao Nadal.

Estes encontros/obradoiros celebraranse mañá martes, ás seis da tarde, no Centro Sociocultural de Amio; e o mércores 28, ás seis da tarde no CSC de Santa Marta, e ás oito da tarde no CSC de Sar. Por último, Celso Fernández Sanmartín visitará o Centro Sociocultural de Lavacolla o xoves 29, tamén ás 18:00 horas.

Convive no Nadal e xogos tradicionais
Ao longo desta semana tamén continuará o programa Convive no Nadal. Despois das sesións gastronómicas na Praza de Abastos, será o momento de botarlle un ollo ás tradicións musicais e aos contos de Nadal doutros países. Mañá martes pola tarde, a partir das seis, o Centro Sociocultural de Conxo acollerá unha sesión sobre as panxoliñas e a poesía de Nadal de Paraguai, e o xoves achegarémonos ás tradicións de Perú no Centro Sociocultural de Bando, tamén a partir das 18:00 horas.

Esta semana, a programación de Nadal tamén se deixará notar na praza Roxa, onde poderemos coñecer e probar algúns xogos tradicionais, todos os días desde as once da mañá ata as cinco da tarde. A entrada é de balde.

Rúas cheas de música
En canto ás propostas musicais, mañá continuarán as gravacións de pequenos concertos na Praza de Abastos, onde o xoves tamén iniciará o seu percorrido pola cidade vella a Coral Encaixe, a partir das 12:30 horas. O venres, os concertos polas prazas da zona histórica correrán a cargo do Coro Glee Club, tamén a partir das 12:30 horas e con saída dende a Praza de Abastos.

Direccións relacionadas



Compartir: