ALCALDÍA

Martiño Noriega recibe os responsables de Cáritas

22/12/2016 O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, reuníronse hoxe no Pazo de Raxoi co director de Cáritas Diocesana-Santiago, José Anuncio Mouriño, e co seu delegado episcopal, Jesús García. A xuntanza serviu para analizar posibles vías de colaboración entre o Concello e a entidade, sobre todo no que ten que ver coa atención ás persoas sen fogar.

José Anuncio Mouriño cualificou de "proveitosa e gratificante esta xuntanza, que é a primeira vez que se fai dende que eu asumín o cargo". O responsable de Cáritas Diocesana explicou que o Concello e a entidade comparten a preocupación pola situación das persoas sen fogar, e por iso Cáritas quere "explorar vías de colaboración co Concello no proxecto do seu novo centro Vieiro, localizado na rúa de Carretas".

Ao respecto, a concelleira de Políticas Sociais explicou que o centro de Cáritas está incorporado á mesa de traballo e coordinación sobre a situación das persoas sen fogar que lidera o Concello. Concha Fernández incidiu en que "todas as administracións, e non só o Concello, teñen responsabilidades na abordaxe da situación destas persoas que ven vulnerados os seus dereitos fundamentais, pero tamén necesitamos a colaboración estreita coas entidades sociais que traballan en Compostela".

A concelleira tamén aproveitou para lembrar que o Goberno ten prevista a creación dun centro integral de atención 24 horas para as persoas sen fogar, no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado pola que o Concello recibirá dez millóns de euros de fondos europeos. Concha Fernández apuntou que este servizo "será unha das prioridades da EDUSI, e será a primeira vez que unha administración pública poña en marcha un dispositivo destas características".

Á marxe da situación das persoas sen fogar, Cáritas Diocesana aproveitou a xuntanza de hoxe para pedir a colaboración do Concello no seu programa Sillón Solidario de atención bucodental, e para interesarse pola posibilidade de instalar colectores de roupa usada en Compostela.

Compartir: