DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Un pasarrúas, a degustación de sopas e o concerto de Cuchús Pimentel e Vigo Distrito Flamenco animaron o mercado de Salgueiriños

22/12/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitou este xoves o mercado de Salgueiriños para participar no Efecto Proximidade, que se celebra por segundo ano consecutivo nestas datas. Marta Lois destacou "a importancia que este tipo de eventos teñen como dinamización do mercado".

A xornada contou novamente cun concerto de flamenco, logo do éxito do concerto do Nadal pasado de Marcos Teira. Nesta ocasión, actuou Vigo Distrito Flamenco, un proxecto liderado por Cuchús Pimentel. Ademais, houbo animación de pasarrúas polo mercado cos Emijrantes, degustación de sopa quente e actividades para as crianzas.

O Efecto Proximidade naceu o ano pasado polo interese do Concello de Santiago de Compostela en dinamizar unha das feiras máis coñecidas na cidade, que cada xoves enche a explanada da rúa de Melide, ao norte da cidade, con postos de téxtiles, plásticos, libros, música, variedades e, desde este verán, con produtos alimenticios. As accións de dinamización buscan achegar ao público do mercado propostas de lecer e cultura e atraer a outras persoas ao entorno da feira.

A xornada comezou arredor cun pasarrúas con Emijrantes (Émijran.beat) e cun obradoiro de decoración facial para nenos e nenas. Seguiu cunha degustación de sopas e, media hora despois, co concerto de Cuchús Pimentel e Vigo Distrito Flamenco.

Vigo Distrito Flamenco é unha agrupación de recente formación que pretende mostrar o flamenco no seu tres aspectos fundamentais (cante, baile e guitarra) sen recorrer a fusións, mistificacións ou estereotipos do pasado, senón personalizando e actualizando a tradición co respecto que deriva da experiencia. Nesta ocasión uniuse ao grupo o percusionista compostelán Moisés Fernández, ben coñecido da afección flamenca galega.

Cuchús Pimentel é un guitarrista, arreglista e compositor galego, licenciado en Guitarra Flamenca pola Escola Superior de Música de Catalunya. Despois dunha etapa inicial formando parte de grupos de rock e jazz, dedícase ao flamenco dende 1989. Realiza concertos en máis de 20 países de catro continentes como acompañante de figuras do cante e do baile, formando parte de importantes compañías e tamén como solista e á fronte do seu propio grupo.

Gravou arredor de 30 discos, entre traballos propios e colaboracións, e é autor dun concerto para 2 guitarras e orquestra sinfónica, Almudaina, estreado no Festival de Guitarra de Varsovia 2013. No campo do ensino, foi profesor en escolas públicas e privadas e no Conservatorio de Palma de Mallorca. Tamén ofreceu masterclass dentro e fóra de España. Na actualidade está a gravar o que será o seu próximo CD, no que colaboran diversos músicos. Ademais, exerce como produtor e instrumentista en varios proxectos discográficos.

Compartir: