CONSORCIO

O Consorcio e a USC editan a reprodución das "Memorias del Arzobispado de Santiago"

21/12/2016 As Memorias del Arzobispado de Santiago rexistran nos 545 folios orixinais a "descrición puntillosa da organización da diocese compostelá", incluíndo visitas á práctica totalidade da súas fortalezas, hospitais e parroquias, "a impagable descrición das súas vilas e cidades, xunto cunha historia sucinta do Apóstolo Santiago". "Confeccionadas con rigor" entre 1603 e 1620 polo cóengo cardeal Jerónimo del Hoyo, catrocentos anos despois este manuscrito recupera plena actualidade coa publicación dun volume de máis de mil páxinas coa reprodución facsimilar da obra de del Hoyo nunha edición elaborada pola USC e o Consorcio de Santiago coa colaboración do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela na imprenta universitaria.

O novo volume presentouse este mércores nun acto público no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome presidido polo alcalde e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, e o reitor da USC, Juan Viaño. Tamén participaron a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o director do Arquivo Diocesano, Salvador Domato; e o autor da introdución desta reprodución, Simón Vicente López. Na mesa presidencial tamén estiveron presentes os directores dos servizos de Publicacións do Consorcio e da USC, Juan Conde Roa e Juan Blanco Valdés, respectivamente.

As Memorias son o rexistro de canto que atopou Jerónimo del Hoyo na visita pastoral realizada en nome do arcebispo Maximiliano de Austria ao longo de tres décadas. Como subliña o director do Arquivo Diocesano, séculos despois a obra "continúa sendo imprescindible para o estudo da Idade Moderna en Galicia".

Esta co edición da USC e o Consorcio de Santiago inscríbese no marco dun convenio asinado en 1993 e ao abeiro do que xa se editou un abano de títulos con temáticas que abarcan dende a realidade xacobea á historia medieval, moderna e contemporánea de Santiago, pasando polo urbanismo, a arquitectura, a arte ou a historia de cátedras universitarias.

Compartir: