DEPORTE

En marcha o procedemento de licitación das obras de mellora do Estadio Multiúsos de San Lázaro

20/12/2016 O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de licitación das obras de mellora do Estadio Multiúsos de San Lázaro, presupostadas en 601.881,18 euros e cun prazo de execución de seis meses. As empresas interesadas teñen un prazo de 26 días naturais para presentar as súas ofertas, a contar a partir de mañá. As obras teñen como obxectivo corrixir o deterioro do recinto deportivo, que sofre problemas de corrosión e humidades en moitos dos seus elementos, desprendemento de material en vigas e piares e problemas en zonas da cuberta.

A actuación no Estadio de San Lázaro será posible grazas ao convenio asinado no seu día entre o Concello e a Federación Galega de Fútbol, polo que será esta entidade quen asuma o custo das reparacións, estimado nun total de 763.000 euros (incluída a fase III das obras). A cambio, o Concello cédelle á FGF o uso do Local C do Estadio, no que tivera as súas dependencias a Secretaría Xeral de Deporte da Xunta. Pola utilización deste espazo, a través dunha concesión demanial por un prazo de 50 anos, a Federación Galega de Fútbol tamén lle aboará ao Concello un pago anual de 3.750 euros.

O acordo permitirá frear a degradación dos últimos anos no Estadio Municipal de San Lázaro, que nunca foi sometido a ningunha reparación dende a súa posta en marcha. Ademais, a Federación Galega de Fútbol incrementará notablemente a súa presenza en Compostela.

Compartir: