CONSORCIO

A Real Filharmonía celebra este xoves o seu tradicional concerto de Nadal con obras vinculadas a estas datas

20/12/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano por estas datas, o seu tradicional concerto de Nadal. A cita será este xoves 22 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. O ensaio xeral, que terá lugar o propio xoves ás 11:00 horas, estará aberto ao público de forma gratuíta. A batuta levaraa o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.

A actuación arrancará coa obra España, do francés Emmanuel Chabrier, que compuxo en 1883 tras pasar varios meses no noso país e que alcanzou unha gran popularidade no seu tempo. A continuación, o público terá a oportunidade de gozar coa Serenata á música, do compositor británico Ralph Vaughan Williams, baseada na primeira escena do acto V de O mercador de Venecia de Shakespeare. Logo, os músicos tocarán Sleigh Ride, do tamén británico Frederick Delius.

Os asistentes ao concerto de Nadal da RFG escoitarán ademais a Suite nº 1 de El sombrero de tres picos, de Manuel de Falla. De seguido soarán dúas obras do Nadal do compositor estadounidense Leroy Anderson: Sleigh Ride e Bugler´s Holiday.

O Crebanoces
A cita concluirá cunha selección de fragmentos de O Crebanoces, de Chaikovski. É un conto de fadas-ballet composto entre 1891-1892, unha adaptación de Alejandro Dumas (pai) do conto "O crebanoces e o rei dos ratos", de Ernst Hoffmann. Nos países occidentais converteuse no máis popular de todos os ballets, sendo representado principalmente en época do Nadal, debido a que a propia historia do conto desenvólvese neste tempo.

O Crebanoces conta a historia de dous irmáns, Clara e Fritz. Na véspera de Nadal, o padriño de Clara regálalle tres caixas con tres agasallos diferentes, entre eles un gran crebanoces con forma de soldado. O seu irmán, celoso, rómpeo e o padriño repárao. Durante a noite, a nena levántase a ver o crebanoces, abrázao e entón todo crece e crea vida ao seu redor, levándoa a un mundo máxico.

Compartir: