DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O mercadiño de Salgueiriños acolle este xoves un concerto de Cuchús Pimentel e Vigo Distrito Flamenco

20/12/2016 Este vindeiro xoves 22 de decembro terá lugar a última acción do ano do programa Efecto Proximidade, que o Concello de Santiago promove no mercadiño dos xoves de Salgueiriños. Os detalles da xornada foron presentados en rolda de prensa pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, acompañada de Mauro Sanín, produtor de aCentral Folque, e do músico Cuchús Pimentel.

A xornada contará un ano máis cun concerto de flamenco, logo do éxito do concerto do Nadal pasado de Marcos Teira. Nesta ocasión, actuará Vigo Distrito Flamenco, un proxecto liderado por Cuchús Pimentel. Ademais haberá animación de pasarrúas polo mercado cos Emijrantes, degustación de sopa quente e actividades para as crianzas.

O Efecto Proximidade naceu o ano pasado polo interese do Concello de Santiago de Compostela por dinamizar unha das feiras máis coñecidas na cidade, que cada xoves enche a explanada da rúa de Melide, ao norte da cidade, con postos de textís, plásticos, libros, música, variedades e, desde este verán, con produtos alimenticios. As accións de dinamización buscan achegar ao público do mercado propostas de lecer e cultura e atraer a outras persoas ao entorno da feira.

A xornada comezará ás 12:00 horas cun pasarrúas con Emijrantes (Émijran.beat) e un obradoiro de decoración facial para nenos e nenas. Ás 12:30 horas haberá unha degustación de sopas e, media hora despois, comezará o concerto de Cuchús Pimentel e Vigo Distrito Flamenco.

Vigo Distrito Flamenco é unha agrupación de recente formación que pretende mostrar o flamenco no seu tres aspectos fundamentais (cante, baile e guitarra) sen recorrer a fusións, mistifcacións ou estereotipos do pasado, senón personalizando e actualizando a tradición co respecto que deriva da experiencia. Nesta ocasión únese ao grupo o percusionista compostelán Moisés Fernández, ben coñecido da afección flamenca galega.

Cuchús Pimentel é un guitarrista, arreglista e compositor galego. Licenciado en Guitarra Flamenca pola Escola Superior de Música de Catalunya. Despois dunha etapa inicial formando parte de grupos de rock e jazz, dedícase ao flamenco dende 1989. Realiza concertos en máis de 20 países de catro continentes como acompañante de figuras do cante e do baile, formando parte de importantes compañías e tamén como solista e á fronte do seu propio grupo.

Gravou arredor de 30 discos entre traballos propios e colaboracións e é autor dun concerto para 2 guitarras e orquestra sinfónica, Almudaina, estreado no Festival de Guitarra de Varsovia 2013. No campo do ensino, foi profesor en escolas públicas e privadas e no Conservatorio de Palma de Mallorca. Tamén ofreceu masterclass dentro e fóra de España. Na actualidade está a gravar o que será o seu próximo CD, no que colaboran diversos músicos. Ademais, exerce como produtor e instrumentista en varios proxectos discográficos.

Compartir: