MEDIO AMBIENTE

Compostela recibirá un préstamo do IDAE de case 1,5 millóns de euros para mellorar 2.500 puntos de luz

19/12/2016 O Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) notificoulle hoxe ao Concello de Santiago a concesión da axuda que fora solicitada para a mellora da iluminación exterior pública. Trátase dun préstamo reembolsable de case 1,5 millóns de euros, para actuar en 2.500 puntos de luz.

A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia solicitara a axuda do IDAE para renovar preto de 2.500 puntos de luz, que suporá un investimento de 1.465.194,18 euros. Segundo o seu programa de axudas, o organismo dependente do Ministerio de Industria aportará o total do orzamento a través dun préstamo sen xuros, cun ano de carencia e a devolver en 10 anos. Deste xeito, o Concello empezaría a pagar en 2018, e faríao en cotas de 146.519 euros anuais.

En todo caso, o renovación da iluminación suporá un importante aforro enerxético, de case 240.000 euros anuais. Deste xeito, nos 10 anos de amortización do préstamo do IDAE, o Concello quedaría cun saldo positivo de máis de 900.000 euros. Ademais, as novas luminarias suporían unha redución na emisión de dióxido de carbono á atmosfera de case medio millón de toneladas en dez anos.

A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia pretende actuar nos seguintes tramos:

- Ponte de San Lázaro-Lavacolla (antiga C-547)
- Rotonda de Lavacolla-Autovía de Lavacolla
- Rotonda de Vidán-Villestrexe
- Rotonda de Vidán-Volta do Castro
- Rotonda da Praza da Paz-Praza de España
- Marrozos-Rotonda da autoestrada de Ourense
- Rotonda da Autoestrada de Ourense-Túnel do Hórreo
- Os Tilos-Rotonda do Castiñeiriño
- Rotonda do Castiñeiriño-Rotonda do Hórreo
- Rotonda do Hórreo-Rotonda de Romero Donallo
- Rotonda da Pontepedriña-Rotonda de Sar
- Milladoiro-Túnel do Hórreo
- Rotonda do Hórreo-Rotonda de Sar (parte superior do túnel)
- Praza de España-Polígono do Tambre
- Praza de España-Avenida de Lugo
- Túnel do Hórreo-Polígono do Tambre polo periférico

Subvención inicialmente denegada por presentar un documento en galego
O IDAE notificara en xullo a denegación da axuda por ter incluído un documento en galego, e o Concello tivera que presentar unha reclamación que finalmente foi aceptada. Nela alegaba que o organismo estatal debera requirir que se achegara o informe redactado en castelán para emendar o erro, no canto de desestimar directamente a petición. Nese sentido, poñía en dúbida o argumento do IDAE de que o Concello de Santiago non incorrera nun erro, "senón que ignorou a expresa previsión de remitir todos os documentos en castelán, como unha resistencia á observancia de tal previsión".

Compartir: