BANDO

Bando polo que se declara hoxe día de loito oficial no Concello de Santiago

19/12/2016 Publícase o bando municipal polo que se declara este luns, 19 de decembro, día de loito oficial no Concello de Santiago, e polo que se manifesta publicamente a condolencia e solidariedade da Corporación compostelá coa familia e persoas achegadas de Elena Mihaela Marcus.

BANDO
As violencias machistas constitúen a expresión máis extrema das desigualdades de xénero que viven as mulleres e supoñen unha violación dos seus dereitos humanos; un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade durante moito tempo normalizada e agochada. Grazas ao constante e incansable traballo dos movementos feministas e de mulleres, nas últimas décadas a violencia contra as mulleres ten deixado de ser un asunto invisible e os poderes públicos teñen lexislado e posto en marcha políticas públicas específicas para abordar esta cuestión. Sen embargo, lamentablemente, a día de hoxe, a violencia contra as mulleres continúa sendo un dos problemas máis graves que debe afrontar a nosa sociedade. Segundo datos oficiais do Estado, no que vai de ano 41 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas. A este dato terrible, debemos engadirlle outras tres mulleres que foron asasinadas esta fin de semana, unha das cales – Elena Mihaela Marcus- era veciña do Concello de Santiago de Compostela e outra – Ana María Enjamio- do Concello de Boqueixón.

O 7 setembro do pasado ano 2015, o Pleno da Corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción na que se acordaron unha serie de accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista, especialmente cando a muller asasinada residise no Concello de Santiago de Compostela.

En cumprimento dos acordos e compromisos incluídos en dita moción,

DISPOÑO:

1. Que hoxe, 19 de decembro de 2016 se declare día de loito oficial no Concello de Santiago de Compostela.

2. Manifestar publicamente as condolencias e solidariedade da corporación do Concello de Santiago de Compostela coa familia e persoas achegada de Elena Mihaela Marcus, así como o noso compromiso para continuar traballando a prol da igualdade e para erradicar as violencias machistas.

O que se fai público para xeral coñecemento e cumprimento.

Santiago, 19 de decembro de 2016

O ALCALDE,

Martiño Noriega Sánchez

Documentos relacionados



Compartir: