CONSORCIO

O Consorcio aproba un orzamento de 9,1 millóns de euros para 2017

19/12/2016 O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Entre os temas abordados na orde do día, presentáronse os presupostos para o vindeiro ano, que alcanzan os 9.142.471,05 euros. As aportacións das tres Administracións consorciadas mantéñense por segundo ano consecutivo, despois de baixadas continuadas dende 2007. A Administración Xeral do Estado achega 4.795.150 euros, a Xunta de Galicia 2.684. 413 euros e o Concello de Santiago 1.361.295 euros. No orzamento está incluída a Real Filharmonía de Galicia, que xestiona o Consorcio de Santiago.

O Consorcio aprobou esta mañá o seu programa de monumentos para o vindeiro ano, cun orzamento global estimado de 766.188,013 euros, no que se inclúe a continuación das obras do Pazo de Raxoi, destinadas a optimizar a estanquidade e a eficiencia enerxética do inmoble, por un importe de 384.000 euros. E haberá unha partida específica de 443.000 euros para seguir coa mellora das condicións de uso do Auditorio de Galicia.

Ademais, increméntanse as cantidades para a rehabilitación dos locais comerciais (150.000 euros) e vivendas (300.000 euros) situadas no ámbito de Protección Especial da Cidade Histórica. No caso das vivendas, prevese a convocatoria de axudas á rehabilitación de elementos especiais de madeira e reixas dos inmobles, por valor de 150.000 euros; e outra de axudas para os envolventes exteriores dos edificios, tamén de 150.000 euros.

Centro de Rehabilitación
Unha vez concluídas as reunións, os membros do Consello e da Comisión visitaron o novo Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba. Este centro, que se destinará de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores, técnicos e empresas da construción, é pioneiro en todo o territorio nacional. A súa actividade académica comezará o vindeiro curso 2017-2018.

O centro, cuxo investimento final supera os 7 millóns euros, está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago -que financiou parte das obras cun total de 2 millóns de euros-, e conta co apoio do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Ademais, a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago elaborou o proxecto e dirixiu as obras.

O centro contribuirá a dinamizar a transformación que está a vivir o sector, en particular no relativo á modernización de estruturas empresariais e cualificación de traballadores e técnicos, favorecendo a creación de pequenas e medianas empresas especializadas nesta área de negocio do sector da construción, en grande expansión e potencialmente xeradora de emprego cualificado e estable. Así mesmo, axudará a impulsar a colaboración público-privada nas políticas de recuperación da cidade histórica de Santiago, Patrimonio da Humanidade dende 1985.

As obras dividíronse en actuacións de rehabilitación (con dúas fases diferenciadas) e a construción de novas edificacións. As naves de nova construción, destinadas a obradoiros, foron acometidas pola Fundación Laboral da Construción co apoio da Xunta de Galicia. No relativo ás dúas fases de rehabilitación, o investimento realizouse con financiamento do Consorcio de Santiago. Na primeira fase rehabilitáronse algunhas das edificacións da antiga fábrica de curtidos, e colocouse a cuberta a todas para garantir a conservación do conxunto. A segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes, que acaba de rematar e á que o Consorcio destinou 1.240.000 euros, centrouse no acondicionamento interior das mesmas, destinadas a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo.

A Fundación Laboral da Construción ten previsto concretar durante os vindeiros seis meses os traballos pendentes de urbanización e equipamento do centro, co obxecto de que poida estar plenamente operativo en xuño de 2017. Na actualidade, a Fundación está a desenvolver o programa formativo e a estrutura de funcionamento do centro.

Visita á biblioteca histórica do Instituto Xelmírez I
Ademais, os membros do Consello de Administración e da Comisión Executiva do Consorcio visitaron a biblioteca histórica do Instituto Xelmírez I. O organismo interadministrativo destinou 22.000 euros á conservación e restauración dos seus fondos bibliográficos, de gran valor histórico. Atesoura obras moi antigas e de moi difícil localización na actualidade.

En 2017, o Consorcio de Santiago achegará 23.413,50 euros para continuar co labor de recuperación da biblioteca.

Compartir: