ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde asiste á inauguración oficial do centro da Asociación de Dano Cerebral Sarela

19/12/2016 O alcalde participou esta mañá na inauguración oficial do centro da Asociación de Dano Cerebral Sarela, situado no Castiñeiriño. Ao acto tamén asistiron a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e os voceiros dos grupos da oposición.

Martiño Noriega, que empezou o seu discurso condenando os últimos asasinatos machistas, salientou que "o centro de Sarela foi posible polo esforzo conxunto e a colaboración entre distintas administracións". Nesa liña, quixo recoñecer "o traballo dos que o fixeron posible, co exalcalde Xosé Sánchez Bugallo á cabeza", presente no acto. O rexedor tamén quixo poñer en valor o labor que desenvolve a Asociación de Dano Cerebral Sarela, "que cubre un oco no que ten que ver cos coidados específicos ao que segue sen chegar a Administración sanitaria".

O centro de Sarela inaugúrase oficialmente no mesmo día no que a asociación presidida por José Balboa cumpre 16 anos. A día de hoxe, conta con 40 usuarios e usuarias, 23 deles con prazas concertadas coa Xunta. Tamén dispón dun centro ocupacional que utilizan sete persoas.

Compartir: