LOITO

Decretado un día de loito oficial polo asasinato dunha muller en Compostela

18/12/2016 O Concello de Santiago decreta un día de loito oficial polo asasinato dunha muller en Compostela. Trátase da última vítima de violencia machista, unha muller de 30 anos que morreu no día de hoxe despois de ser agredida pola súa exparella o pasado venres. Dende o Concello de Santiago queremos amosar a nosa dor e solidariedade coa familia e amizades de Elena Mihaela Marcus.

A moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015 fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista, decretando un día de loito oficial se se produce no termo municipal de Compostela. Por iso, durante o día de mañá, a nosa cidade volve tinguirse de negro e a Corporación gardará un minuto de silencio en recordo desta veciña asasinada.

Colectivos feministas convocan unha concentración para condenar firmemente e amosar a repulsa de toda a sociedade a que sigan acontecendo agresións e asasinatos machistas. A concentración será o martes 20 de decembro, ás 20:00 horas, na praza 8 de Marzo.

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Compartir: