ALCALDÍA

O alcalde recibiu a Dagmar Lieblová, sobrevivente de Terezín e Auschwitz

16/12/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu a Dagmar Lieblová, sobrevivente do gueto de Terezín e do campo de exterminio de Auschwitz. Lieblová formou parte do coro orixinal da ópera infantil Brundibár, que se representou 55 veces no gueto de Terezín. O encontro celebrouse na véspera da estrea desta ópera infantil no Teatro Principal.

Dagmar Lieblová declarouse "sorprendida" e "gratificada" pola invitación recibida para viaxar a Santiago, unha cidade da que dixo ter referencias, pero que nunca pensara que podería chegar a visitala. Indicou que acolle a representación en Compostela de Brundibár con "moita ilusión".

Lembrando a súa participación no coro orixinal da ópera en Terezín, afirmou que, naqueles tempos, Brundibár era para ela "un conto de fadas sobre a vida normal".

Preguntada polos brotes de xenofobia en varios países occidentales, Dagmar Lieblová cualificounos como "moi perigosos", pero amosouse convencida de que "a Europa actual saberá solucionalo".

Pola súa parte, o alcalde destacou a importancia da presenza en Santiago de Dagmar Lieblová, "tanto polo exercicio de memoria que supón como pola carga simbólica da representación de Bundibár". Neste sentido, apuntou que "non esquecer é un exercicio moi saudable". Ademais, agradeceu "á Asociación de Amigos da Ópera e a todos os implicados en que este espectáculo puidera ser posible e levado ao galego".

Compartir: