EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Unha unidade didáctica achega o mundo da ópera a nenos e nenas a través de "Brundibár", de Hans Krása

16/12/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou, en compañía da profesora Adela Maroño, a unidade didáctica que esta e outra mestra, Mercedes Blanco, prepararon sobre o mundo da ópera. Na rolda tamén estiveron presentes o presidente da Asociación de Amigos da Ópera, Jesús Couceiro, e o secretario da mesma, José María Miranda.

O obxectivo da unidade didáctica, que leva por nome "Brundibár, de Hans Krása", é servir de ferramenta para preparar ao público infantil de xeito que se achegue e descubra o mundo da ópera a través de Brundibár, pois ao coñecela e entendela mellor, a través das actividades que se propoñen na guía, poderá nono só gozar máis da asistencia ao espectáculo, senón afondar en acontecementos históricos e un conxunto de valores.

A unidade didáctica inclúe, polo tanto, unha contextualización histórica. Brundibár (O abellón en galego) é unha ópera composta un ano antes do estoupido da Segunda Guerra Mundial na antiga Checoslovaquia e enmárcase no nazismo e o holocausto. Foi representada por primeira vez en 1942 nun orfanato para nenos e nenas xudeus en Praga, ocupada aquel entón polos alemáns. En Terezín foi representada por primeira vez o 23 de setembro de 1943.

No documento elaborado polas profesoras Maroño e Blanco tamén se recolle unha ficha artística, a relación dos personaxes e o argumento do espectáculo que se representará mañá sábado, 17 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal. Está organizado polo Concello de Santiago en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera e ten unha duración de 37 minutos.

A unidade didáctica analiza os instrumentos e propón unha serie de actividades para realizar previamente, durante e posterior á visualización da ópera.

Adela Maroño explicou que o mais complexo e interesante foi "como presentar este material aos nenos e nenas para que lles interesara, así que fixemos un conto e unha recompilación de fragmentos que fosen sinxelos de representar". "A importancia desta opera non só radica nos textos ou na música, senón que vai moito máis ala coa mensaxe que transmite", indicou o presidente da Asociación de Amigos da Opera.

Pola súa parte, o secretario da Asociación quixo agradecer "a implicación de todas as administracións neste traballo, que conseguirá que Brundibár non sexa flor dun día, senón que se continúe a traballar nos centros educativos de Compostela e de toda Galicia".

Finalmente, o concelleiro de Educación puxo o foco na historia que conta esta opera e na utilidade "que esta unidade didáctica vai ter para o profesorado á hora de traballar dunha maneira eficaz un xénero como é a opera e un tema como son os Dereitos Humanos".

Hans Krása
Hans Krása foi un compositor xudeu nacido en Praga en 1899. Krása estudou violín, piano e composición en Praga con Alexander von Zemlinsky. Traballou durante un breve tempo na Kroll Oper de Berlín e no Neues Deutches Theater de Praga, e tamén estudou en Francia. Compuxo música de cámara, orquestral, vocal, coral, instrumental, para ópera e para teatro.

Hans Krása compuxo a ópera infantil Brundibár en 1938 para un concurso do Ministerio de Educación da antiga Checoslovaquia. Foi perseguido polo réxime nazi como outros tantos músicos, directores de orquestra e intérpretes xudeus durante a Segunda Guerra Mundial, e foi deportado ao campo-gueto de Terezín. Outros compositores fuxiron de Alemaña e dos seus países por ser xudeus ou ben por estar en desacordo co réxime nazi. Por iso, a súa música foi prohibida polos nazis, considerándoa "música dexenerada".

Hans Krása tivo un importante rol na vida cultural de Terezín e a ópera Brundibár, representada polos nenos e nenas de Terezín, tivo un grande éxito. Unha das nenas que participou nesa ópera foi Dagmar Lieblová, sobrevivente do campo de concentración, que foi recibida esta mañá polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Pola tarde, ás 20:00 horas, ofrecerá unha charla no Paraninfo da Universidade.

A partitura foi introducida de contrabando no campo-gueto e, a pesar das malas circunstancias que lle tocou vivir, Krása seguiu a compoñer. Desgraciadamente, moitas das súas obras perdéronse e Brundibár tivo que ser reescrita.

Entre o 28 de setembro e o 28 de outubro de 1944, arredor de 18.400 persoas foron deportadas a Auschwitz, entre eles os compositores Pavel Haas, Gideon Klein, Viktor Ullman e o propio Hans Krása, quen faleceu ese mesmo ano.

Compartir: