TURISMO

La 2 de TVE emite este sábado o primeiro documental sobre Santiago gravado en 4K

16/12/2016 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou o documental sobre Santiago que La 2 de TVE emitirá este sábado ás 19:00 horas e que amosará imaxes da cidade gravadas durante o ano 2016 coa máis moderna tecnoloxía. A concelleira estivo acompañada polo director do Centro Territorial de TVE en Galicia, Rafael Cid, e polo responsable do servizo de Turismo de Santiago para a promoción audiovisual, a Santiago de Compostela Film Commission, Dimas González.

O documental de La 2 sobre Santiago distínguese das múltiples producións que se teñen feito na cidade nos últimos anos tanto dende unha perspectiva técnica, pola tecnoloxía de última xeración que se empregou, como dende unha perspectiva do contido, xa que trata de fuxir dos tópicos neste tipo de documentais, nos que se encadean planos de monumentos, rúas e prazas. Neste caso a intención era amosar unha cidade viva, cunha identidade propia e unha personalidade moi marcada.

O documental sobre Santiago forma parte da serie Cidades españolas Patrimonio da Humanidade, que foi rodada en Ultra Alta Definición con tratamento de Alto Rango Dinámico e con son 5.1, o que a sitúa na máis absoluta innovación tecnolóxica. A serie conta con rodaxe tanto de interiores como de exteriores naturais, planos aéreos, cabezas quente e cámaras steadicam. Ademais, a sintonía orixinal, así como parte da banda sonora, foron gravadas pola Orquesta de RTVE.

A complexidade técnica da rodaxe e a intención de captar diferentes momentos da vida de Santiago, resumidos en 55 minutos de duración, fixeron que ao longo de 2016 un equipo de ata 15 técnicos e técnicas se desprazara a Santiago en cinco ocasións. A rigorosa planificación e a implicación do equipo de TVE, dirixido por Belén Molinero, fan que as expectativas respecto ao resultado do documental sexan moi altas.

A serie documental, que nace da firma dun convenio de colaboración entre o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e RTVE, visita os lugares e edificios máis sinalados de cada unha das cidades membros do Grupo coa colaboración das persoas que viven nelas, polo que tamén elas serás as protagonistas.

A serie, que tamén se emitirá a través de TVE Internacional, desenvolverase ao longo de catro anos seguindo unha orde cronolóxica, segundo o ano no que cada cidade recibiu a distinción. Os tres primeiros episodios, que se emiten en decembro de 2016, corresponden ás cidades de Ávila, Santiago de Compostela e Segovia.

Compartir: