XUNTA DE GOBERNO

Primeiro paso para poñer a disposición da veciñanza as prazas de aparcamento municipais do Olvido

16/12/2016 A Xunta de Goberno deu hoxe o primeiro paso para poñer en uso as prazas de aparcamento que o Concello posúe no estacionamento soterrado da praza de Marcial Villamor dende a reurbanización do contorno da rúa do Olvido, no ano 2010. Estes espazos, 27 para o estacionamento de coches e tres de motos, nin sequera estaban rexistradas como propiedade municipal, e ese é o trámite que hoxe acordou a Xunta de Goberno.

O alcalde explicou que, despois deste paso, farase a encomenda de xestión desta bolsa de aparcamento a Tussa. Martiño Noriega adiantou que a intención é "que se destinen a residentes da zona en réxime de alugueiro", e recoñeceu a súa sorpresa "porque estas prazas estiveran inutilizadas durante tantos anos, simplemente pechadas cunha cadea".

Licenza para as obras do Monte do Gozo
En materia de licenzas, a Xunta de Goberno concedeu á Presidencia da Xunta o permiso necesario para realizar o proxecto de acondicionamento no Camiño de Santiago no Monte do Gozo, no que vai investir preto de 190.000 euros. O alcalde explicou que esta actuación completará as que a Xunta ten previstas no mesmo ámbito: a reforma integral do parque do Monte do Gozo, xa executada; a reforma da lagoa, que se atopa en execución; e a reforma das instalacións do espazo, para a que o Concello xa concedeu tamén a licenza oportuna.

Axudas para as asociacións de veciños
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a concesión e o pagamento de subvencións ás asociacións veciñais. En total, repartiranse algo máis de 56.000 euros entre 33 colectivos veciñais.

Tamén se aprobou a xustificación e o pagamento de subvencións á Asociación Folclórica Colexiata de Sar e ao Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, que recibirán cada unha 3.500 euros. Ademais, deuse conta da sinatura do convenio entre o Concello e a Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, que recibirá unha achega de 20.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre os concellos de Santiago e Boqueixón para o abastecemento de auga potable no aeroporto de Lavacolla.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: